No centenario da escola habaneira dos Vilares

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
Escola habaneira dos Vilares
14 Jul 2023

Por Raúl Río.

Este ano cómprese o centenario da escola habaneira dos Vilares, construída grazas ao diñeiro que mandaron os emigrantes organizados na asociación “Villares y su Comarca” da Habana, que non estaba composta só por emigrantes vilaregos, senón que tamén lle temos que dar as grazas a emigrantes nacidos en Santa Cruz, Buriz, Labrada, San Breixo, Aranga, Momán, Belesar, Muras, As Pontes ou en Ortigueira, que apoiaron solidariamente esa tarefa, incluso foi Xosé Rivas (nado en Riotorto ou no Curral Vello do Buriz) quen propuxo o 16 de xuño de 1912 o nome de Villares y su Comarca, para que puideran participar tamén os que non eran dos Vilares. O presidente desa asociación era D. Manuel Cancelo Freire, da aldea dos Ramos, e contaba nos Vilares coa colaboración do crego da parroquia, D. Ramón López Otero, que foi quen mercou o terreo na Codeseira da Conchada, onde xa se celebraba cada mes a “Feira do 7”. Nun primeiro momento ía ser construída nos Ramos, porque seica era a aldea dos Vilares na que mais nenos había daquela, pero foi D. Ramón o que pensou en facela no mais céntrico da parroquia e ao lado da igrexa, aínda que se seguiu denominando durante moito tempo “Escola dos Ramos”.

Tamén fai cento tres anos daquel 20 de maio de 1920, no que o presidente da asociación firmou un contrato, pola cantidade de 1.250 ptas. con meu avó materno (socio fundador da Asociación da Habana en 1912, Gregorio Díaz Sánchez, da casa das Mourelas) e con outros catro canteiros, para arrincar e cortar as pedras no Monte do Viso, que se atopa por detrás da aldea de Acción e antes de chegar ao Porto San Miguel.

A construción da obra foi contratada por D. Ramón a Manuel Coira, do Vilariño dos Cregos, veciño do daquela neno Xosé María Díaz Castro, por 8.907,23 ptas.

Unha vez rematado o edificio da escola, D. Ramón deu conta de todo o diñeiro gastado na súa construción á Sociedade “Villares y su Comarca”, creando, o 8 de xaneiro de 1933, un “Consello de Administración” que a dotara dos medios necesarios para o seu funcionamento. Este Consello estaría presidido por Agustín Losada Rodríguez, da casa do Dereito da Acción e na que tamén constaba como Vice-Tesoreiro o meu avó paterno Domingo Río Rosende, da casa de Río da Tiñaz, e que tamén foi socio fundador da Asociación habaneira cando se atopaba en Cuba.

Na escola da Conchada non se deron aulas ata setembro de 1923, aínda que, segundo o periodista José Alonso Sánchez, en outubro de 1921 xa nomearan a D. Manuel Cordeiro como mestre interino desa Escola dos Ramos, pero como aínda non estaba rematada impartiu docencia durante dous anos na escola dos nenos en Palratos, parou na casa de Díaz Castro e polas noites dáballe clases ao poeta.

Cando en 1923 se rematou a escola, ao ser o sitio mais céntrico duplicouse a matrícula, dando clases Manuel, Cordeiro no curso 1923-1924, a mais dun cento de nenos na escola da Conchada, á que pasou tamén Díaz Castro cando contaba con nove anos de idade, seguindo alí ata que en setembro ou outubro de 1929 ingresou no Seminario de Mondoñedo.

Ao empezar a dar aulas na escola, Manuel Cordeiro afirma que “por 2,50 ou 3 ptas. Diarias comía e durmía nunha taberna que había nas proximidades da escola e que estaba rexida polo seu propietario, Nicolás Castro, un home moi intelixente”. Non cabe dúbida de que se trataba de Nicolás dos Manchás, o avó do gran poeta vilarego, que tiña a taberna no pazo da marquesa de Camarasa, no lugar do Pazo, mais arriba das Reixas.

Despois de Cordeiro, pasaron por esa escola mestres como Vicente Fabregat, Anxo Rodríguez, Agapito Bustos, Eduardo Rodríguez, Uxío Pedreira, Xustino Rivera e o meu querido mestre, D. Andrés Pérez Carballeira, que a partir de 1933 viviu coa súa señora e as fillas na escola da Conchada, ata que unha doenza cardíaca o apartou da docencia a principios do curso 1968-1969.

Don Andrés foi quen me ensinou as primeiras letras e os primeiros números baixo as pedras arrincadas polo meu avó e os seus compañeiros trinta e sete anos antes.

A escola era propiedade da parroquia dos Vilares, pero alguén ousou entregarlla ao concello sen consultar aos veciños e hoxe non se pode facer nada nela sen contar co permiso desa institución municipal, pois agora que cumpre os cen anos conviña renovala, lousala e poñela en valor; quitarlle o recebo e deixar á vista a beleza desas pedras do Monte do Viso; poñerlle portas e unhas fiestras apropiadas para tornar a humidade e que non poidan entrar os ratos, para facer o niño coas follas dos poucos libros que quedan alí.

Para lembrar este centenario cumpriría tamén facerlles unha homenaxe a todos aqueles que desde El Vedado habaneiro se interesaron tanto pola nosa educación.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17703700065613