Monforte xa ten todo listo para a celebración da XXIV edición de Artelemos
A XXIV Mostra de Artesanía Artelemos 2024, que se celebrará en Monforte do 5 ao 10 de agosto na rúa Cardenal, será a antesala das Festas Patronais da cidade, dentro do Programa Cultural de Verán, abrindo o mes de agosto con este recoñecemento e promoción dos artesáns.
Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos. Nesta mostra, que terá lugar do 5 ao 10 de agosto, participarán de 30 profesionais da artesanía, provintes da comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España.
En concreto, as procedencias son 25 artesáns e artesás de Galicia, 10 artesáns das provincia de Lugo: sendo 2 de Monforte de Lemos, 2 de Sober, 2 de A Pobra de Brollón, e 1 de Taboada, Quiroga, Antas de Ulla y Lugo cidade; 7 artesáns da provincia da Coruña: 1 de Sada, Teo, Ordes, Rois, Noia, Santiago e Oroso; 5 artesáns da provincia de Pontevedra: 2 de Vigo e 1 de Marín, Moaña e Arcade- Soutomaior; e 3 artesáns da provincia de Ourense: 1 de Barbadás, A Teixeira e Ourense cidade.
Ademais, haberá 5 artesáns e artesás doutros puntos de España: 2 artesáns da provincia de León, procedentes de Ponferrada; 2 artesáns da provincia de Murcia, das localidades de La Alberca e Cartagena; e 1 artesán da provincia de Toledo, do Concello de Ciruelos.
A maiores da rúa Cardenal, colocarase unha carpa do Concello, como espazo destinado á realización de obradoiros e demostracións de oficios. Todos os postos contarán con tarima, iluminación e rotulación promocional de cada un deles.
Para asegurar os produtos expostos, a mostra contará con vixilancia, nas súas horas de peche, tanto ó mediodía, como pola noite, e ata a hora de apertura ó día seguinte. O horario durante os 5 días que durará a Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e pola tarde de 18.00 a 22.00 horas.
ARTELEMOS
Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.
“Con esta Mostra”, sinala o rexedor, “contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.
O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais que os clientes esperan atopar: como ourivaría, cestería, coiro, vidro, olería de Gundivós, cerámica, papel e madeira, entre outras. En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.
Na Mostra, que será inaugurada o luns 5 de agosto ás 13:00 h e coa actuación do Grupo Municipal de Gaitas do Concello, ademais dos 30 stands adicados á artesanía, poderemos ver en vivo a elaboración de pezas, con diversas demostracións ao longo dos días de duración do evento.
Tamén haberá diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día. Estas actividades, que son un complemento á propia Mostra, organízanse ano a ano porque sempre acadaron un notable éxito entre o público asistente.
O alcalde concluíu a súa intervención animando a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que nos visitan nestes días de verán, a que se acheguen a visitar esta 24ª edición de Artelemos no Cardenal, e que se aposten polos produtos artesáns que alí se atoparán, que contan con todas as garantías de fabricación e de calidade. Porque apostar polos artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura”.