Monforte ten unha cita co teatro este xoves coa función “Memorias dun neno labrego”

RibeiraSacraXa
Trátase dunha adaptación teatral da emblemática novela de Xosé Neira Vilas coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións
memorias-dun-neno-labrego-cdg
18 Feb 2026

Monforte ten unha nova cita co teatro este xoves, 19 de febreiro, coa representación “Memorias dun neno labrego”, unha nova adaptación teatral da emblemática novela de Xosé Neira Vilas. A función forma parte do programa de teatro organizado polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, e comezará ás 20:15 horas no Edificio Multiusos.

Coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, a obra homenaxea a Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento e no 65º aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”. O personaxe de Balbino, o rapaz de aldea, regresa á escena 15 anos despois da primeira adaptación monolóxica realizada por Pazó. Nesta nova versión, o elenco conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos, ofrecendo un espectáculo dinámico e apto para todos os públicos.

A obra presenta as lembranzas de Balbino como memoria dunha Galicia rural que se foi transformando co paso do tempo, mesturando emoción, humor e unha comunicación directa co público. O texto, tamén asinado por Pazó, narra a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta, abordando a escola, a relación co pai, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo de fuxir do seu destino. Completan o equipo técnico Pablo Giráldez na escenografía, Martina Cambeiro no vestiario, Xosé Lois Romero na música, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia de produción, traballando man a man co persoal do Centro Dramático Galego.

As entradas estarán á venda na taquilla do Edificio Multiusos desde as 19.00 horas, cun prezo de 5 euros para o público xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Ademais desta cita, o 26 de febreiro representarase “As desterradas”, de Producións Teatrais Excéntricas, o 12 de marzo chegará “A Historia vaxenial”, de Artyc Content, o 26 de marzo o actor galego Carlos Blanco presentará “A Penúltima”, o 23 de abril terá lugar “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai, e o 26 de abril pechará o ciclo “Berenguela na gaiola”, de Galeatro Producións Escénicas, unha obra destinada ao público infantil e familiar. Todas as funcións comezan ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, que será ás 18.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.080708026885986