Monforte reparte 2.000 euros en premios nun Xoves de Comadres con grande éxito de participación

RibeiraSacraXa
O momento central tivo lugar na Praza de España, onde se concentraron todas as persoas participantes antes da lectura do fallo e da tradicional queima das figuras
queima-comadres-monforte
Queima de Comadres, Monforte de Lemos
13 Feb 2026

Monforte deu este xoves o pistoletazo de saída ás celebracións do Entroido 2026 co tradicional Xoves de Comadres, unha xornada na que colectivos veciñais, asociacións, centros educativos e participantes individuais encheron rúas, barrios e parroquias de figuras cargadas de humor e crítica.

Desde primeira hora, o casco urbano e distintos puntos do municipio amenceron con comadres que recreaban escenas de actualidade e situacións cotiás, sempre desde a ironía e a creatividade. En total, concorreron ao certame municipal 21 propostas, con máis de setenta bonecos acompañados da súa correspondente escenografía.

O momento central tivo lugar ás 17.00 horas na Praza de España, onde se concentraron centros de ensino e participantes individuais antes da lectura do fallo e da tradicional queima das figuras. A concelleira de Cultura, Marina Doutón, foi a encargada de dar a coñecer os premios, nun acto no que tamén participou o alcalde, José Tomé. Antes de anunciar o palmarés, desde o Goberno municipal felicitaron a todas as persoas participantes e agradeceron a implicación dos centros educativos e dos compadres individuais, animando ademais á cidadanía a sumarse ao desfile de comparsas do Martes de Entroido.

A Concellería de Cultura destinou un total de 2.000 euros a premios repartidos en tres convocatorias diferenciadas: centros de ensino, parroquias e barrios —tanto en modalidade colectiva como individual— e a categoría individual da Praza de España.

No apartado xeral destacaron propostas como “Viaxamos a Monforte co bus rural”, de Silvia García Vázquez (San Juan de Tor), e “A súper avoa”, da Asociación Agora. Dentro da categoría colectiva de parroquias e barrios foron recoñecidas, entre outras, “Inseguridade Social”, da Asociación Agora-Centro de Día, e “Facemos o que nos da a lana”, da Asociación Prodeme, ademais de propostas como “Cobas ‘en marcha’ con Eva Nasarre” ou “Mandilón Fashion Week”.

Na modalidade individual de barrios resultaron premiadas creacións como “Chancha confínase en Guntín”, xunto a “As pitas confitadas” e “Farmacéutica”. Pola súa banda, na categoría individual da Praza de España o primeiro premio foi para “A Galega vestida de gala”, acompañada no palmarés por “Rumi La guerrera del K-Pop” e “A enfermeira que non falla”.

Os centros educativos tamén tiveron un papel destacado na xornada. Na modalidade colectiva foi recoñecido o traballo do Colexio Ferroviario con “A sanidade 40 aniversario do noso hospital”, mentres que na categoría individual se premiaron, entre outras propostas, “Mestra por vocación”, da ANPA do Colexio Escolapios, así como “Labubus, praga de monstruos”, “Mouras” e “Gandariña voluntaria”.

⚙ Configurar cookies
0.077413082122803