Monforte presenta o programa de actividades polo 8M

RibeiraSacraXa
O sábado 8 de marzo terá lugar o acto central arredor do 8M, coa concentración, a lectura do Manifesto e a inauguración dun Mural homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar
monforte-8m
Presentación do programa de actividades polo 8M en Monforte
6 Mar 2025

A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, presentaron o programa de actividades deseñado polo Concello con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Gloria Prada destacou que o goberno municipal de José Tomé segue comprometido co movemento feminista: "Sempre traballamos para facer realidade a igualdade entre homes e mulleres, para avanzar en dereitos e liberdades das mulleres. O noso obxectivo é sentar as bases para que a igualdade sexa real e efectiva".

Pola súa banda, Margarita López detallou as actividades que se planificaron en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM), co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a loita pola igualdade de xénero.

Campaña informativa e de concienciación

Entre o 5 e o 14 de marzo, levarase a cabo unha campaña informativa e de concienciación en Monforte. Como en campañas anteriores, o Concello instalará un vinilo no autobús urbano co fin de sensibilizar á poboación e animar a participar na concentración do 8 de marzo.

Ademais, o 8 de marzo, a Torre da Homenaxe iluminarase de cor malva para reforzar a concienciación sobre a importancia do Día Internacional da Muller.

Acto central do 8 de marzo

O acto central terá lugar o sábado 8 de marzo ás 12.30 horas no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes, onde se inaugurará un mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe, realizado pola artista Xoana Almar.

"Con este mural queremos render homenaxe ás mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban un traballo moi duro e necesario naquel tempo, pero que non era valorado", explicou Margarita López.

O mural representa unha fila de mulleres lavando no río, cun estilo influenciado polo artista gráfico Xosé Vizoso. Nun dos laterais poderá lerse "Lavandeiras" e no outro "do Río Cabe", cunha lavandeira paxaro pousada sobre a letra "s".

Tras a inauguración, a concelleira Margarita López lerá o Manifesto do 8M. Posteriormente, repartiránse cadernos e bolsas de tea serigrafadas coa imaxe do mural como material de sensibilización. Tanto o mural como o material están financiados con fondos do Ministerio de Igualdade.

Obradoiros para alumnado de Educación Primaria

Os días 10, 11, 12 e 13 de marzo, o alumnado de 6º de Primaria dos colexios Escolapios, Ferroviario, Torre de Lemos, A Gándara, Colexio Novo e CEE Infanta Elena participará no Escape Room Virtual "Bruxas e Meigas en Serra da Veiga".

Este escape room busca promover a igualdade de xénero a través dun enfoque histórico sobre a caza de bruxas e o movemento feminista. Ao rematar, realizarase unha reflexión sobre a evolución dos estereotipos de xénero e o seu impacto na actualidade.

O obradoiro estará dirixido polas traballadoras sociais Sonia Fernández Bertólez e Ester Cano González, con formación en xénero e igualdade. Cada sesión terá unha duración de 100 minutos.

Obradoiros para alumnado de Educación Secundaria

O alumnado de 2º da ESO dos institutos Escolapios, Ferroviario, Torre de Lemos, A Pinguela e Daviña Reyparticipará no obradoiro "Convivencia dixital en igualdade: como previr a violencia de xénero", os días 10, 11 e 12 de marzo.

Este obradoiro será impartido pola entidade Pantallas Amigas, especializada no uso seguro de internet. A formadora Onintze Sojo Martín, criminóloga e traballadora social especializada en igualdade, abordará temas como o ciberacoso, sexting, sextorsión, grooming, ciberviolencia de xénero, revenge porn, privacidade e seguridade en liña. Utilizaranse recursos audiovisuais e exemplos prácticos para fomentar a participación do alumnado.

Charla sobre convivencia dixital

O martes 11 de marzo ás 20.00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura "Lois Pereiro", terá lugar unha charla dirixida a familias, docentes e público en xeral, a cargo de Pantallas Amigas.

O obxectivo é proporcionar ferramentas para educar no uso seguro e positivo da tecnoloxía, previr riscos asociados a internet e dispositivos dixitais, e fomentar hábitos saudables no seu uso.

Espectáculo de maxia familiar

O domingo 9 de marzo ás 18.00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura, presentarase o espectáculo de maxia educativa "A igualdade non ten truco", da compañía Maxia na Manga.

Sara Rodríguez e Carlos Tomico ofrecerán un espectáculo de ilusionismo cunha mensaxe de igualdade de xénero, a través de historias de mulleres ilusionistas e representacións que fomentan o pensamento crítico sobre os estereotipos de xénero.

Representación teatral "As Alumnas"

O xoves 13 de marzo ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos, presentarase a obra de teatro "As Alumnas", da compañía Culturactiva, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Esta obra narra a historia da pedagoga galega María Barbeito e o impacto do franquismo na educación, especialmente na formación das mulleres. A través de dous personaxes femininos, abórdase a transformación social da época.

"Aplicamos políticas de igualdade de maneira transversal e por iso colaboramos coa Concellería de Cultura na programación de obras teatrais con perspectiva de xénero", destacou Margarita López.

Datos do CIM de Monforte

En 2024, o Centro de Información á Muller (CIM) de Monforte atendeu 1.713 consultas, brindando apoio en áreas xurídica, psicolóxica, atención a vítimas de violencia de xénero e orientación laboral. Un total de 219 mulleres foron atendidas. En 2023, rexistráronse 1.536 consultas de 203 mulleres. Ata marzo de 2025, xa se realizaron 316 consultas.

Para rematar, Margarita López animou a toda a poboación a participar nos actos do 8M: "Queremos unha sociedade paritaria e igualitaria na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito".

⚙ Configurar cookies
0.45453095436096