Monforte presenta o programa de actividades para a Feira Medieval

RibeiraSacraXa
A feira celebrará a súa vixésimo primeira edición do 19 e 20 de abril
presentacion-programa-feira-medieval-monforte
6 Apr 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou esta mañá ás 11.30 horas o “Mercado para a Medieval” na zona dos mercados da Praza de Abastos de Monforte, “un certame co que buscamos potenciar e promocionar a Feira Medieval, un evento turístico que trae unha gran afluencia de público e visitantes a Monforte durante a fin de semana da Semana Santa”. Este ano 2025, a Feira Medieval alcanza a súa 21ª edición, que se celebrará durante a fin de semana do 19 e 20 de abril.

Antes da inauguración oficial, no mesmo espazo da Praza de Abastos, o alcalde ofrecéu ás 11.30 horas unha rolda de prensa aos medios de comunicación para presentar o programa oficial de actividades da Feira Medieval 2025.

O alcalde resaltou que “por fin, neste ano 2025 alcanzamos a edición número 21, e a pesar de ter solicitada a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, non temos noticias da Xunta ata o momento de se foi recoñecida ou non, pero para min o máis importante é que sexa positiva, aínda que tarde algún mes máis”.

En canto ao orzamento para a organización da Feira Medieval, o deste ano é o máis alto da historia, pasando de 41.127,17 euros no ano 2015, en que chegou o alcalde ao goberno do concello, a máis de 108.000 euros que se destinan neste ano 2025, concretamente 108.351,99 euros, cun incremento de case 67.000 euros desde 2015, é dicir, case un 163% máis.

Programa da XXI Feira Medieval 2025 e principais novidades

Previo á inauguración do Mercado para a Medieval, José Tomé Roca deu a coñecer o programa oficial de actividades desta 21ª edición da Feira Medieval, que se celebrará os días 19 e 20 de abril de 2025 e que, tal e como destacou o alcalde, “segue traendo a miles de visitantes a mergullarse no noso pasado medieval e facer da nosa Feira o epicentro de Galicia nesa fin de semana”.

A continuación, o rexedor municipal detallou as diferentes actividades que darán vida á Feira Medieval, destacando as principais novidades do evento este ano.

Tal e como explicou o alcalde, “por un lado, hai un incremento considerable dos grupos de animación musical que animarán as rúas tanto o sábado como o domingo, de xeito que pasamos de 5 grupos que actuaban o sábado e 4 grupos o domingo en 2024, a 7 grupos que actuarán este ano tanto o sábado como o domingo.”

Tamén hai un incremento considerable no número de fachos e faroliños que se repartirán nesta edición con respecto ao ano anterior, pasando de 200 fachos en 2024 a 325 este ano e de 500 faroliños de papel a 650 nesta edición, que serán repartidos no Campo da Virxe. O incremento está xustificado, tal e como explicou Tomé, “porque é unha das actividades que máis lles gustan ás persoas que suben a San Vicente o sábado pola noite”.

Por outro lado, aumenta tamén o número de participantes no Mercado Medieval, que ano a ano aumentan e nesta edición alcanzará os 140 postos, fronte aos 135 de 2024, con 45 postos de gastronomía, 32 de comercio e 63 de artesanía, que foron seleccionados entre 191 solicitudes que entraron en prazo, e que, tal e como explicou Tomé, “isto demostra o interese dos comerciantes por participar na Feira Medieval, sinal de que lles vai ben coa súa participación. Por este motivo, estamos obrigados a aumentar o recinto para albergar todos os postos novos, que se colocarán na Praza de San Antonio.”

En canto aos espectáculos, como novidade este ano, haberá un gran espectáculo de animación de rúa que se denomina O GRAN DRAGÓN, no que o protagonista, tal e como indica o seu nome, será un gran dragón que aparece frecuentemente na mitoloxía europea e que é común nas historias e lendas medievais, acompañado por un grupo de músicos e bailaríns que realizarán acrobacias e xogos de lume, e que sairá desde a praza de España polas rúas da Feira, o sábado e o domingo ás 8.00 da tarde.

Tamén serán novidosos os dous espectáculos que terán lugar na tarde-noite dos dous días de Feira:

O sábado ás 21.30 horas, a praza Luis de Góngora acollerá o espectáculo LÚA, cunha interpretación musical de Tamara Pérez que descenderá en grúa desde as alturas creando unha atmósfera de maxia coa súa voz e a danza que interpreta, previa á tirada de fogos de artificio.

O domingo ás 21.00 horas, na praza de San Antonio, terá lugar o espectáculo SUAREN BATAILA, onde se entrelazan audaces malabares con tela, xunto con teatralización e espectáculos de pirotecnia e lume.
Tamén hai que destacar o sábado 19, o desfile desde a Praza de España polas rúas da feira do espectáculo ERRANTES, con seres saídos da escuridade dos tempos, e ás 20.45 horas haberá un concerto a cargo do grupo de música medieval GRIMORIUM na praza de España.

Eixos centrais do programa da XXI Feira Medieval

Como é tradición, o sábado 19 ás 12.00 horas, uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán aos presentes do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ao saúdo do alcalde para declarar aberta a XXI Feira Medieval de 2025 de Monforte.
Do mesmo xeito, tras o saúdo do alcalde, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.

Dentro das actividades centrais da Feira, José Tomé destacou o Campamento Medieval da Praza de España, un dos eixos centrais da feira, a programación infantil que terá lugar no Campamento infantil Medieval xunto ao Convento das Nais Clarisas, o espectáculo de aves de rapiña e cetrería, as Xustas medievais, o Gran Torneo Medieval, os espectáculos de lume, as actividades de rúa ou os espectáculos nocturnos ideados para a Praza Luis de Góngora e para o Campo de San Antonio.

Finalmente, a resolución dos diferentes concursos convocados polo concello para esta Feira: traxes medievais, decoración de balcóns e de establecementos comerciais e hostaleiros, igual que o ano pasado, celebrarase o domingo ás 19.00 horas na praza de España, por operatividade da Feira.

O alcalde non quixo esquecerse dunha das colaboracións importantes que ten o concello para a celebración da Feira Medieval, que é coa Asociación de Artesáns de Monforte, e que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así como da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas do concello, destacando a decoración da Ponte Vella, da Torre da Homenaxe e dos pendóns que decorarán o concello na Praza de San Antonio.

Na súa intervención, José Tomé manifestou que “hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 19 e 20 de abril esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten desde o resto de Galicia e do resto do estado, aos que convidamos a compartir con nós este evento que chega ás 21 edicións ininterrompidas.”

⚙ Configurar cookies
0.16124606132507