Monforte acollerá o primeiro centro específico para menores estranxeiros de Galicia

RibeiraSacraXa
As instalacións disporán dun total de 80 prazas
xunta-centro-menores-monforte
14 Sep 2025

Monforte de Lemos contará co primeiro centro específico para menores estranxeiros que se porá en marcha en Galicia. O recurso, que disporá de 80 prazas, ubicarase no edificio residencial Francisco Suárez, xestionado pola entidade social Prodeme.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta medida durante unha visita ao centro, na que estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e polo xerente de Prodeme, Julio Cortiñas. A responsable autonómica agradeceu a colaboración da entidade e explicou que a apertura responde ao traslado de menores impulsado polo Goberno central.

García lamentou que a medida se leve a cabo sen financiamento e cifrou en arredor de 30 millóns de euros anuais o custo estimado de atender a todos os adolescentes que chegarán a Galicia. Lembrou ademais que esta mesma semana se recibiron os primeiros seis expedientes de mozos incluídos no grupo de 317 que o Executivo central quere trasladar á comunidade, aos que se suman outros 15 menores solicitantes de asilo que, por mandato do Tribunal Supremo, deben ser acollidos polo Estado.

A conselleira subliñou que estas son as primeiras 80 prazas específicas que se habilitan en Galicia e sinalou que a Xunta continúa buscando localizacións para novas instalacións, solicitando a colaboración doutras administracións. Así mesmo, reiterou que o Goberno galego seguirá recorrendo xudicialmente este reparto, como xa fixo ante o Tribunal Constitucional xunto con outras dez comunidades autónomas.

⚙ Configurar cookies
0.16692590713501