Monforte celebra este domingo a cuarta edición da carreira e andaina “Monforte en marcha contra o cancro”


Monforte sairá á rúa o domingo 14 de setembro para acoller a cuarta edición da andaina e carreira solidaria “Monforte en marcha contra o cancro”, organizada pola Asociación Española Contra o Cáncer (AECC). A cita comezará ás 12.00 horas na Praza da Compañía, tanto a saída como a meta, e contará cun percorrido de cinco quilómetros polas rúas da cidade, que os participantes deberán completar dúas veces.
O evento ten un dobre obxectivo: recadar fondos destinados a programas de apoio a persoas diagnosticadas de cancro e ás súas familias, así como impulsar proxectos de investigación oncolóxica. As inscricións permanecerán abertas ata o día da proba, e aquelas persoas que non poidan asistir poderán colaborar adquirindo un dorsal solidario. O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe camiseta, podendo formalizarse de forma presencial ata o venres 12, o sábado na rúa Cardenal, e o mesmo domingo de 10.00 a 12.00 horas na Praza da Compañía.
O percorrido da carreira dará inicio na Explanada da Compañía, seguindo pola rúa Compañía en dirección ao Paseo de Lugo, continuando pola rúa Carude, San Lázaro ata o paso a nivel e logo cara ao centro polas rúas Reboredo, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure, regresando pola rúa Compañía ata a glorieta do Parque dos Condes e subindo ata a Explanada, onde estará a meta. Durante o desenvolvemento da proba, todas as rúas implicadas permanecerán pechadas ao tráfico entre as 11.45 e as 13.30 horas aproximadamente.
O Concello de Monforte colabora activamente no evento, coordinando cortes de tráfico, vixilancia da Policía Local, colocación de vallas e servizo de ambulancia. “Dende o Equipo de Goberno somos sensibles coa importantísima labor que desenvolve a Asociación Contra o Cancro en Monforte, e desde un primeiro momento levamos a cabo una colaboración estreita coa mesma, que se traduce na cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade”, sinala o alcalde, José Tomé.
