Monforte acolle a Feira de Artesanía e Produtos Lucenses
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou en Monforte de Lemos a Feira de Artesanía e Produtos Lucenses, que impulsa a institución provincial xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) e Unións Agrarias (UPA). José Tomé acompañado pola presidenta de Fademur, Verónica Marcos Arrojo, e o secretario de Unións Agrarias Lugo (UPA), Miguel Tomé, puxo en valor o papel das emprendedoras rurais para asentar poboación no territorio.
“Hoxe, estamos aquí para visibilizar o talento e a creatividade das mulleres rurais da nosa provincia, que con tanto esforzo e dedicación manteñen vivos as nosas vilas. Estas emprendedoras representan o mellor do noso rural, apostando por produtos de proximidade, sostibles e de alta calidade”. Ademais, quixo agradecer a participación das mulleres que lideran os proxectos que se expoñen nesta feira porque, dixo, “son un exemplo de como os pequenos emprendementos poden transformar a realidade do noso rural. Elas demostran que é posible crear emprego, fixar poboación e dinamizar a economía local con proxectos innovadores e sostibles”.
Así mesmo, quixo trasladarlles o compromiso da Deputación de Lugo para seguir apoiando estas iniciativas e traballando man a man con FADEMUR, “o voso traballo é fundamental para o futuro da nosa provincia e seguiremos traballando para crear as condición necesarias para que poidades desenvolver os vosos proxectos con éxito”. Pola súa banda, a Presidenta de FADEMUR Galicia loou esta iniciativa que supón unha venta aberta que “contribúe a visibilizar o talento e a variedade de emprendementos impulsados por mulleres que existen no rural galego”.
Nesta feira, na que colaboramos coa Deputación afirmou Verónica Marcos Arrojo, “presumimos do bo facer lucense”, e non é para menos, engadiu, “pois pensamos que a iniciativa emprendedora feminina nesta provincia é tan ampla como diversa”. Destacou Verónica Marcos o apoio a estes proxectos liderados por mulleres porque, “son unha oportunidade no que a autoemprego se refire de incalculable valor nun rural no que as cifras de desemprego seguen a cebarse de xeito especial coas mulleres” Por iso, o traballo diario que facemos desde FADEMUR é clave “para fomentar e prestar ás emprendedoras rurais todo o apoio que nos é posible”, explicou.
Un apoio que resaltou tamén o secretario de Unións Agrarias, “os emprendementos que este sábado visibilizamos en Monforte a través de E Para vivir Lugo reúnen as principais características dos proxectos impulsados por mulleres no rural galego: empresas pequenas que apostan polos produtos de proximidade, a sostibilidade e a elaboración artesanal e que contribúen a fixar poboación e a diversificar a oferta laboral radicada no rural galego”.