Monforte abre o prazo para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar que trala publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo das bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso escolar 2024/2025, todos os interesados en solicitalas, están en disposición de poder facelo.
12 May 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar que trala publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo das bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso escolar 2024/2025, todos os interesados en solicitalas, están en disposición de poder facelo.

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 25.000 euros despois de que o alcalde no ano 2022 decidira incrementar 5.000 euros máis para este concepto, "co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presentan dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda", destaca o rexedor.

Deste xeito, xa se poden solicitar estas axudas, para o cal os e as interesadas terán de prazo ata o venres 7 de xuño e a solicitude formalizarase a través do correspondente formulario normalizado, que terá que ir acompañado da documentación complementaria que requiren as bases.

Toda a documentación requirida poderá ser presentada no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n, no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n, ou a través da Sede Electrónica municipal.

Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2024/2025 en educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

A contía máxima das axudas de 150 euros para Educación Infantil por cada alumno, de 100 euros para Educación Primaria e por cada alumno, de 120 euros para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno, e de 150 euros para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65 % .

Aos efectos destas bases reguladoras, enténdese por renda per cápita familiar a resultante de dividir a renda da unidade familiar do exercizo fiscal 2022 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade superior ou igual ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade social por incapacidade permanente ou a equivalente en clases pasivas.

A renda familiar obterase por agregación das rendas de cada un dos membros computables que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Os membros da unidade familiar que presentasen a declaración do imposto sobre a renda de 2021, para os efectos dos cálculo da renda familiar sumarán os recadros base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible de aforro(recadro 460) da declaración. No caso de non presentar declaración do imposto sobre a renda de 2021 teranse en conta os ingresos netos mensuais de todos os membros computables da unidade familiar segundo o establecido na base 8ª.

Porén, cando as circunstancias económicas actuais non sexan coincidentes coa contía do IRPF no momento da solicitude da axuda, teranse en conta estas últimas, sempre que se xustifiquen documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo, segundo o establecido na base 8ª.

0.16806602478027