Medio Rural puxo en valor a riqueza sas razas autóctonas na II Festa do Cocido do Porco Celta de Carballedo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta fin de semana á II edición da Festa do Cocido de Porco Celta do concello lucense de Carballedo. Alí, salientou a riqueza gastronómica, cultural e económica das razas autóctonas da nosa comunidade e recoñeceu a súa contribución á fixación de poboación no medio rural.
Enxalzou a “excelentísima calidade” das materias primas do noso agro, que caracterizan a gastronomía galega. Lembrou así ampla variedade de produtos alimentarios con selo de calidade diferenciada, entre os que se atopan a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Lacón Galego ou a IXP Grelos de Galicia, ingredientes que forman parte da receita dun cocido.
Seguindo esta liña destacou a importancia da carne de porco celta, unha raza autóctona de porcino da que se está a impulsar a súa conservación por parte do Goberno autonómico. A conselleira lembrou as achegas de Medio Rural para o fomento destas razas, dotadas cun orzamento de 220.000 euros na convocatoria de 2025.
Estas axudas teñen como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras, modernizar o sector primario galego en materia de xenética, sanidade e producións. Asemade, contribúen a mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.
Referiuse tamén á presente campaña da Política Agraria Común, que inclúe achegas específicas para gandeiros que se incorporen á produción ecolóxica e ás razas autóctonas, cun investimento de 800.00 euros para ambas liñas.
A nosa comunidade conta con ata seis razas autóctonas bovinas (Cachena, Caldelá, Freiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega) e outros cinco de diferentes especies, a Ovella Galega, Cabra Galega, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza e Galiña de Mos. En total, Galicia conta cun censo de razas autóctonas que suma máis de 75.000 animais.