Medio Rural fixo entrega de 3.900 exemplares de vide no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos

RibeiraSacraXa
Esta cantidade forma parte da oferta total da Xunta para este ano, cifrada en 28.400 enxertos de categoría base, que permitirán aos viveiristas establecer os seus campos nai de certificado para a produción de planta de categoría certificada
entrega-material-xenetico-monforte
18 Apr 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, fixo entrega recentemente de material xenético de vide aos viveiros galegos. A entrega formalizouse na sede do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos. En concreto, o responsable da devandita axencia cedeu 3.900 enxertos de vide de categoría base, que forman parte da oferta total da Xunta para este ano, cifrada en 28.400 exemplares.

A diferencia entre os enxertos entregados neste acto e o total ofertado estará dispoñible para os viveiros galegos que precisen este material e ofertaranse a viveiros nacionais se están cubertas as necesidades dos viveiristas da nosa comunidade. No ano 2024 obtivéronse un total de 26.062 enxertos de categoría base, dos cales 14.700 foron solicitados polos viveiros galegos para a implantación de campos de pés nais de categoría certificada. Este material de categoría base é imprescindible para que os viveiros establezan os seus campos nai de certificado para a produción de planta de categoría certificada.

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), integrada no viveiro da Xunta de Galicia dentro do programa de produción de material vexetal de vide, xoga un papel fundamental nos procesos de selección clonal orientados á comercialización de planta de categoría certificada. Esta selección é unha ferramenta clave de mellora xenética que permite identificar, dentro da variabilidade dunha mesma variedade de vide, aqueles ecotipos con mellores características agronómicas e maior potencial enolóxico.

Así, a través dun sistema de reprodución conservadora e con rastrexabilidade garantida, asegúrase que o material vexetal chegue ao viticultor coa identidade varietal verificada e garantías sanitarias, especialmente en relación coas enfermidades recollidas no Regulamento Técnico de Control e Certificación da Vide.

Rendementos que garantan a rendibilidade

Ademais, o uso de material clonal certificado permite obter producións máis homoxéneas, así como viñedos de maior calidade e mellor sanidade. A selección dos clons persegue acadar uns rendementos mínimos aceptables que garantan a rendibilidade do viticultor, ao tempo que se prioriza a elaboración de viños de alta calidade e tipicidade, adaptados ás demandas do mercado actual.

Dende a década de 1980, a Evega desenvolve programas de selección clonal das principais variedades de vide cultivadas en Galicia. Entre elas atópanse as variedades brancas Albariño, Godello, Dona Branca, Loureira, Torrontés e Treixadura, e as tintas Brancellao, Caíño Tinto, Espadeiro, Mencía e Sousón. O material inicial destes clons consérvase en invernadoiro na sede da Estación e o material de categoría base está nun viñedo situado no Centro de Formación e Experimentación de Monforte de Lemos.

Nunha primeira fase, ata o ano 2009, ofertáronse aos viveiros galegos enxertos de categoría base das variedades Treixadura, Godello, Loureira, Torrontés, Dona Branca e Mencía. A partir de abril de 2024, iniciouse unha segunda fase que inclúe novamente estas variedades e amplía a oferta con Albariño, Caíño Tinto, Brancellao, Sousón e Espadeiro. O 2025 será polo tanto o segundo ano en que se entrega este material de categoría base. En total, ofértanse 36 clons certificados, distribuídos en variedades brancas (23 clons) e tintas (13 clons).

⚙ Configurar cookies
0.053929805755615