Máis de cen escolares de Monforte achegáronse ao mundo dos cogomelos coa Asociación Micolóxica Os Lactouros

Durante os días 4, 5 e 6 de novembro, o Instituto Daviña Rey de Monforte de Lemos acolleu unha nova actividade de educación ambiental e micolóxica en colaboración coa Asociación Micolóxica Os Lactouros e o Concello de Monforte.
A iniciativa, incluída no programa de actividades de outono promovido polo Concello e no trimestre micolóxico do Daviña Rey, tivo como obxectivo achegar aos máis pequenos o coñecemento da natureza e dos produtos de tempada, fomentando o respecto polo medio ambiente e o valor da biodiversidade.
Na actividade participaron máis de cen nenos e nenas de primeiro de primaria dos centros CEIP A Gándara, CPR Torre de Lemos e Colexio Escolapios. Ao longo das xornadas, o alumnado asistiu a charlas e obradoiros prácticos de iniciación á micoloxía, nos que aprenderon a recoñecer distintas especies botánicas e forestais da contorna, así como a diferenciar cogomelos comestibles e tóxicos. Ademais, abordáronse cuestións como a importancia da diversidade biolóxica, o respecto polo medio natural, o despoboamento rural e a prevención de incendios forestais.
“É fundamental que as novas xeracións aprendan desde pequenas a mirar o monte con curiosidade e respecto, entendendo que conservar é tamén unha forma de coidar o noso futuro”, salientaron os organizadores.
A Asociación Micolóxica Os Lactouros, unha das máis antigas de Galicia, e o IES Daviña Rey manteñen así a súa colaboración en materia de divulgación científica e educación ambiental, consolidando Monforte como un referente na promoción dos valores naturais e culturais vinculados ao mundo dos cogomelos e ao medio rural.