Máis de 500 persoas participaron da III Trail Heroica Sacra que partiu desde Chantada
A III edición da Trail Heroica Sacra acolleu a participación de máis de 500 persoas que saíron da praza do Cantón de Chantada este domingo, 30 de xuño, organizada por GTR Galaico Trail Run e Peña Saltasebes Chantada, coa colaboración dos concellos de Chantada e do Saviñao.
Así, houbo unha carreira Trail de 33 km, unha carreira Trail de 23 km, unha Trail de Relevos e unha carreira Trail de 12 km para cadetes, así como houbo dúas distancias de andaina, unha de 8 km e outra de 10 km.
No caso da Andaina, a saída foi desde o casco antiguo de Chantada para descubrir a baixada do Rio Asma, percorreron a zona de "escairos" centenarios, monte autóctono e remataron no Camiño de Inverno, nunha das bodegas máis emblemáticas da Ribeira Sacra do Miño.
Con respecto aos gañadores, na clasificación final do Trail de 33 km, o gañador absoluto foi Fernando Arca Casal, o segundo foi Federico Losada Conde e o terceiro foi Alberto Villamor Roibas. Con respecto á muller mellor clasificada, esta foi Patricia Noya Rodríguez.
Pola súa parte, no Trail de 23 km, o gañador foi Jose Candia Louzao, o segundo foi Eloy Martínez Faro e o terceiro Martín Barreiro Gómez. A muller mellor clasificada nesta categoría foi Rosa María Araujo Losada.
Por outra banda, os equipos gañadores da carreira de Relevos de 23 km foron Soutos, Antela e CD Biosbardo. E, no caso, do Trail Cadete de 12 km, os gañadores foron Roi Mourón Varela, Aldan Pollan Cela e Samuel Otero; mentres que a rapaza mellor clasificada nesta categoría foi Alba Bujan Miguens.