Máis de 350 persoas participaron na Chocolatada de Nadal do programa Activa en Monforte

Máis de 350 participantes do Programa Activa asistiron este luns pola tarde á Chocolatada de Nadal organizada polo Concello de Monforte de Lemos con motivo das festas do Nadal. O encontro celebrouse no Espazo Gastronómico da Praza de Abastos a partir das 18.00 horas e estivo marcado por un ambiente festivo, con chocolate, churros, bica e música.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acudiu ao acto acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada; o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada; e a coordinadora dos Servizos Sociais municipais, María Luz Méndez, ademais de persoal do servizo.
Durante o encontro, o rexedor felicitou as festas ás persoas asistentes e animounas a seguir participando nas actividades do Programa Activa e a aproveitar a oferta gratuíta dirixida especialmente ás persoas maiores de 55 anos, que se desenvolve tanto no Centro Cívico como nos locais sociais das parroquias.
Tomé lembrou que o obxectivo do programa “é favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores”, a través de iniciativas orientadas a promover o benestar psicosocial, fomentar a participación social e o encontro interxeracional, e evitar situacións de illamento e soidade.
O Programa Activa conta na edición 2025-2026 cun orzamento de 60.000 euros, 4.000 máis que no ano anterior, para dar resposta a unha demanda crecente debido ao éxito desta iniciativa, que nesta edición oferta máis de 650 prazas.