Máis de 1.500 persoas participaron no Desfile de Comparsas de Pantón

RibeiraSacraXa
O Concello celebra o gran éxito desta edición, na que se repartiron máis de 5.000 euros en premios
desfile-entroido-panton
23 Feb 2026

O Concello de Pantón celebrou este sábado, como cada ano, o seu Desfile de Comparsas e Disfraces que pecha o Entroido na Ribeira Sacra. Máis de 1.500 persoas, organizadas en 43 comparsas, percorreron desde o CEIP Monte Baliño ata a Praza do Concello, acompañadas por numeroso público que agardaba o seu paso polas rúas da vila.

O desfile comezou ás 16:10 e estivo encabezado polos traxes tradicionais do Entroido de Budián. A animación musical correu a cargo de Tambukda e a charanga Os Sureños, e durante as dúas horas e media que durou o percorrido, os participantes puideron gozar dun ambiente festivo que culminou na Praza do Concello, onde a música continuou e se ofrecéron a todos chocolate quente con bizcoito. Ademais, todos os nenos e nenas que participaron recibiron un paquete de chuches, do que se entregaron 600 unidades.

O xurado, composto por representantes elixidos por sorteo entre as comparsas de máis de 10 participantes e unha persoa allea ao grupo que exercía o voto de calidade en caso de empate, avaliou o vestiario e maquillaxe, a elaboración do disfraz, a posta en escena e a música. Na categoría de adultos con máis de dez compoñentes, os premios principais foron para "A música saíu da lámpada", mentres que "La fraga encantada" e "El reino de las chuches" recibiron o segundo e terceiro premio, respectivamente. Nos grupos de entre cinco e nove adultos, "Desconfínate" obtivo o primeiro premio, seguido de "Chourizos de Ferreira" e "Familia Mouse". Entre individuais e parellas, "Buzz light year" alzouse co primeiro premio, seguido de "Fantasía Animal" e "Os australianos visitan Pantón".

No ámbito infantil, as comparsas de dez ou máis compoñentes premiaron a "O arrecife de coral do cole de Oural" en primeiro lugar, mentres que "Os furbiños" e "Circo Estrella" ocuparon o segundo e terceiro posto. Entre os grupos de cinco a nove nenos, o primeiro premio foi para "Bico aberto, festa segura", seguido de "Os bombóns de Escairón" e "A cuadrilla de Pantón". Finalmente, na categoría infantil individual e parellas, "A brigada do bastón" levou o primeiro premio, con "Granjero busca esposa" e "David el gnomo y su mujer" en segundo e terceiro lugar.

Todas as comparsas con carroza recibiron 50 euros de axuda, e as de máis de 10 compoñentes 80 euros, non acumulables ao premio. En total, o Concello de Pantón repartiu máis de 5.000 euros en premios, reforzando a tradición e a participación nesta festa que se consolidou como un dos peches máis esperados do Entroido na Ribeira Sacra.

0.077661037445068