Loubadas excepcións

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
12 Xul 2021

Por Pablo Veiga

Estamos contemplando nos últimos meses, ante a nova normativa sobre o eucalipto, como se incrementa a plantación desta especie por parte dos propietarios ante os posibles atrancos que podan existir nun futuro inmediato. Como consecuencia, procédese á corta de carballos e castiñeiros, é dicir, frondosas autóctonas, para seren substituídas por árbores de crecemento rápido, na procura dun beneficio a curto prazo. Non vaia ser que dentro dun ano xa non se podan plantar, así que cómpre non agardar máis. É unha decisión lexítima, por suposto, pero cinguida única e exclusivamente a unha doada rendabilidade económica.

Era o que faltaba para seguir trastocando o medio ambiente galego. Por riba de mel, filloas. Así, paseniño, observamos como as fragas desaparecen do noso campo, as agras e pasteiros foron convertíndose en piñeirais e eucaliptais, esnaquizando o bosque propio sen que ninguén o repare. Nin siquera se libran lugares emblemáticos, que deberían ser de excepcional protección, como son os entornos de Penas de Rodas, en Gaioso-Outeiro de Rei- ou o Pedregal de Irimia, un dos berces do río principal, o Pai Miño. E que opinar dese proxecto no que se pretende encher de eucaliptos unhas sete centas hectáreas no termo municipal das Pontes, a carón do lago artificial creado na antiga mina. Lamentable.

Un é testemuña na contorna máis próxima desas ansias totalmente desbocadas e como resulta a ollos da inmensa maioría unha auténtica rara avis quen opta por outras alternativas.

Non é cuestión de buscar culpables. Os intereses dunha potente industria madereira por unha parte e os dos donos das fincas polo outra, engadido á escasa conciencia ecolóxica, fan que sexa moi difícil variar a tendencia actual. E non falemos doutras variables, como a perda de poboación, o avellentamento e demáis, que tamén inciden nesta realidade.

Pero fronte a esta negatividade, algunhas iniciativas que se levan a cabo merecen un recoñecido aplauso. E un exemplo das mesmas témolo no bosque urbano promovido polo concello de Lugo nas proximidades do polígono empresarial As Gándaras. Son máis de vinte hectáreas nas que se plantaron quince mil árbores, entre as que destacan carballos, castiñeiros, cerdeiras e freixos. Iniciativa esta desenvolvida ó abeiro do proxecto Life Lugo+Biodinámico, na cal participan distintas administracións públicas, ademáis da Universidade. A creación dunha área desas características no entorno dunha cidade, que contribuirá a mellorar o aire que se respira e combater a polución, suporá dispor dun lugar no que a veciñanza poda disfrutar, sentíndose orgullosa de ter un espazo que lle pertence. E tamén, na mente dos promotores albíscase un futuro, non tan próximo como no asunto dos eucaliptos, onde se poderá aproveitar a madeira das aínda moi noviñas árbores.

Son excepcións, pero polo mesmo cómpre que sexan loubadas e apoiadas, agardando que noutros lugares de Galicia tamén se leven a cabo. Temos outros modelos no País, como o bosque que se plantou nas costas da Cidade da Cultura en Santiago, ou as contornas dos campus universitarios galegos, onde priman as frondosas. Son insuficientes, pero, vendo o panorama …

0.20592308044434