Lista de cousas
Por Noelia Castro Yáñez
A miña frase mais representativa en círculos de diámetro cativo seica é: “eu non son do meu tempo”. Ou, cando menos, é a que empregan as miñas amizades para chancearse de min decontino. Non son do meu tempo, pero se fixese inferencia estatística, pode que tampouco acaese en ningún tempo pasado. E nin de lonxe, noutro futuro, coma aquel ao que lle recriminaron faltarlle unha primaveira e axiña replicou: “Pois será a que vén, porque ata o de agora, paseinas todas”. Como matemática, poño o foco en todo aquelo que non entendo, coma se se tratase dun dos sete grandes problemas matemáticos con resolución pendente, aínda que non me vaian a pagar cifra astronómica ningunha, igual ao revés, e pode que leve algunha mirada de xenreira de soslaio cando camiño soa por Foz e paro tomar un café sen compañía, quen tal dixo.
Non entendo esa pretensión de fugacidade para calquera acontecemento, esa ansia de que o quero agora e o quero xa. Desde que nos facemos unha pregunta, non disfrutamos do proceso da dúbida, non buscamos información nin sentamos na biblioteca na procura de bibliografía. É mais, non nos abonda cunha pista que nos axude a esclarecer se vamos ou non polo carreiro axeitado. E por suposto, falo en sentido figurado, recordando cando A. e mais eu non dabamos probado aquel corolario de Topoloxía de Superficies e pasamos tardes e tardes sen avanzar nin tan saquera un pouquiño. E como eu non son perfecta e a ela lle falta un case, por suposto que rendimos no proceso, e marchamos á Zona Vella onde se non curan as penas, polo menos se mollan. Tamén fomos na procura de pistas ao despacho de C. pero o que nos sirveu nesta ocasión está entre o cero e o cardinal do conxunto baleiro, que vén a ser nada. Non lembro como rematou a proba do corolario, probablemente atopásemos algún Teorema máis forte polo que a demostración resultase trivial. Pero con isto, invito ao meu alumnado a prender a tecla do razonamento, a poñer os miolos a traballar. A non querer xa a resposta a todas as súas preguntas, porque na vida, o erro forma parte do proceso de aprendizaxe e cambiar de parecer é moi sanador ás veces. A obrigarse a erguer logo de cada caída, pero aprender que hai poucas verdades absolutas e moitas mentiras ben contadas.
A Jabois preguntáronlle. “¿Siente el síndrome de la página en blanco?”, ao que respondeu “La página en blanco es un regalo de Dios: ahí aún se puede escribir el Quijote. Luego todo empieza a joderse”, hai algo máxico no que aínda non foi, pero pode chegar a ser. Desde que tes casa, coche e estabilidade económica, todo vai en declive, e aquí non falo en sentido figurado. Todo cae, maldita Lei de gravitación universal. A menos claro, que sexas unha excepción e todo che veña regalado, en tal caso que tampouco sentirás o placer de chegar a onde estás por méritos propios. A min mentras tanto, podedes atoparme polas mañás comprando rascas, non vaia ser.
Tampouco entendo a mala educación, nin esa falsa comodidade que parece ter algunha xente e que lle impide ter inquietudes vitais, nin esa superioridade intelectual da que cren dispoñer algúns por dicir que non ven canles sensacionalistas. Cando o único estímulo imparcial que recibimos ao longo do día, debe ser o ouveo dun can. Non comprendo tampouco como podemos vivir pegados ao teléfono para manternos aparentemente informados e pasar o día sen notar que a túa nai ou a miña leva triste desde o almorzo, cousa que solucionaremos subindo unha foto con ela cun texto precioso nalgunha rede social da que ela carece o domingo que vén. Dramas de primeiro mundo en toda regra. Por non entender, non entendo a meirande parte de convencións socialmente aceptadas que poñen o foco na vida do veciño, para trasladar a un eu protagonista cando se trata de presumir de vacacións nas Maldivas, cando a duras penas sabemos situalas no mapa, porque, recoñezo, tiven que buscar para saber que o país está composto por mil duascentas illas.
E como non entendo tantas cousas, pode que o problema o teña eu, que non atino a acertar o motivo polo que agora á xente lle deu por empregar palabras como weltanschauung, podendo dicir, vaite con xeito.