Julio Cortiñas, xerente da Asociación Prodeme: “Fomentamos a plena inclusión das persoas con discapacidade”

RibeiraSacraXa
Por Jessica Fernández.
12 Maio 2024

Por Jessica Fernández.

Falamos con Julio Cortiñas, xerente da Asociación Prodeme de Monforte, que ten como obxectivo promover a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e a das súas familias a través da integración laboral, ocio e deporte.

A asociación Prodeme fundouse no ano 1979, cando un profesor de educación especial viu como os seus alumnos remataban o colexio e non tiñan onde ir, polo que creou a entidade para rapaces con necesidades especiais. Así, levan máis de 40 anos traballando por “seguir avanzando na plena inclusión das persoas con discapacidade na sociedade”, explica Cortiñas, quen sostén que teñen “moitos proxectos realizados, pero queremos seguir tendo ilusión por novos proxectos”.

Como foron os comezos?

Naquel momento, arrancamos con moita ilusión e ganas, pero pouca credibilidade e sen recursos económicos, porque as obras sociais fanse pero non con boas palabras, hai que facelas se hai recursos. O alcalde de Monforte daquela prestounos diñeiro e deixounos unhas instalación, onde empezamos a apostar pola plena inclusión das persoas con discapacidade, axudando a adquirir pisos ou casas rurais para atender persoalmente ás persoas. Temos moitas prazas redistribuídas por Monforte que son pisos normais pero con baños adaptados e portas grandes. Son pisos normalizados.

Que accións levaron a cabo ata agora?

Fixemos un centro especial de emprego que as persoas con discapacidade, levamos a cabo terapia ocupacional nos pisos e o noso proxecto estrela nestes momentos é poder utilizar un edificio que xa está construído con pisos para atender a pais maiores con fillos con discapacidade. Todos ímonos facendo maiores e nós queremos dar a atención integral á unidade familiar. Se a Xunta dá o visto bo, en verán teremos un edificio con vivendas residenciais. E despois temos outro proxecto que é axudar ao mundo empresarial e así fomentar o emprego, cedendo naves por un euro aos empresarios a cambio de que contraten persoas con discapacidade.

Temos actividades mercantís para poder financiarnos e tamén temos colaboración. Intentamos ter recursos propios para iniciar proxectos e logo se veñen subvencións ou axudas utilizámolas para mellorar. Tamén temos dotacións de particulares para seguir potenciando e reinvestir para crear un patrimonio ao servizo da discapacidade.

Como é o traballo coas persoas con discapacidade?

Nós traballamos coa discapacidade intelectual, aínda que tamén traballamos con xente con trastornos asociados, pero non somos especialistas. A atención é diferente, nós temos un gran comedor, integramos moito e damos liberdade. É unha comunidade residencial. Os nosos usuarios teñen liberdade, teñen o seu piso, a súa cociña e poden facer a vida individual. A atención é a de integrar e facer inclusión con apoios, non de calquera maneira, e fomentar a vida máis inclusiva.

Había necesidade dunha asociación deste tipo en Monforte?

Si, claro. Nós fomos dos primeiros centros de Galicia que deron vivenda residencial a persoas con discapacidade, polo que moita xente que non era de Monforte, veu. Agora, xa son de aquí porque xa se integraron. Agora temos sobre todo persoas tuteladas pola Xunta sen familia e en emerxencia social.

Con respecto ao social, esta acción é boa por axudar aos demais, pero tamén nos sentimos orgullosos de empoderar ás persoas con discapacidade, xa que tamén xeran riqueza na súa contorna, e nós como asociación promovemos que veña xente para Monforte, porque esas persoas veñen coas súas pensións e veñen traballar, fomentando o emprego. Creamos empregos para a xente de Monforte, que pode traballar nas vivendas residenciais, así como as persoas con discapacidade tamén traballan e logo invisten en Monforte co seu salario e a súa pensión. A sociedade ten que madurar e darse de conta de que non só as grandes empresas crean riqueza na contorna. En Prodeme somos 50 traballadores e 200 persoas que van vir a censarse en Monforte, non é para depreciar o seu labor.

Ademais, ás persoas con discapacidade tamén lle supón beneficios o feito de cambiar de actividade e poñerse retos e superar probas. Sube a autoestima e séntense incluídos no deporte. É especial para eles porque compartimos tempo con outros centros e séntense útiles, valorados, intentan superarse, axuda a mellorar no seu traballo... sentirse valorado é fundamental.

Temos unha granxa, unha carnicería, unha produción de biomasa con 5.000 oliveiras e as persoas con discapacidade traballan nestes traballos así como nas tarefas cociña, lavandaría do centro… É dicir, dámoslles emprego.

0.14920115470886