José Tomé Roca inaugurou a XXV edición da Feira do Libro de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou a XXV edición da Feira do Libro de Monforte acompañado polo secretario da Federación de Librarías de Galicia, Jacobo Rodríguez Agrasar, o director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández, así como diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación do Concello, entre eles a tenente de Alcalde, Gloria Prada, as concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Consumo, Regina López, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán.
José Tomé Roca destacou, na súa intervención, que “seguimos colaborando con esta festa da literatura porque consideramos que con ela conseguimos achegarlle á cidadanía unha parte fundamental da nosa cultura, como son os libros, e polo tanto, contribuímos á súa divulgación. E tamén ofrecemos o noso apoio a un sector tan importante como é o editorial”.
O Equipo de Goberno apoia ano a ano este evento, coorganizado entre o Concello e a Federación de Librarías de Galicia, dada a importancia que ten o sector editorial en Galicia. “Este evento cultural que estamos a inaugurar, e que forma parte do programa do Verán Cultural do Concello, sérvenos para que todos poidamos encontrarnos literatura, cos libros e cos seus autores e autoras, na rúa, o que en definitiva é sen ningún tipo de dúbida contribúe a divulgar a cultura”, indicou o mandatario municipal.
O rexedor destacou a presenza de varios escritores e escritoras da Ribeira Sacra, e tamén do resto de Galicia. A través deles, “potenciaremos e daremos a coñecer o talento literario que temos na nosa comarca e tamén no conxunto da provincia de Lugo e de Galicia”.
O rexedor monfortino tamén fixo referencia ao lema do cartel deste ano, 'Atopa a túa historia', un lema moi acaído porque “a través dos libros, podemos ir máis alá e coñecer, a través da lectura, milleiros de historias do mais diverso. Podemos meternos na pel de innumerables personaxes, vivir experiencias e, coñecer outros mundos, reais ou imaxinarios”.
Finalmente, José Tomé animou na súa intervención “a todos os monfortinos e monfortinas, así como ás persoas que nos visitan estes días, a que se acheguen esta XXV Feira do Libro de Monforte, neste marco incomparable como é esta rúa do Cardeal, para coñecer as novidades literarias e adquirir novos libros que, de seguro, nos axudarán a descubrir novas historias apaixonantes, e ademais terán un desconto do 10% en todos os libros, que sempre é unha boa axuda para animarse a mercar”. E agradeceu a presencia tanto da pregoeira, coma dos libreiros e libreiras na Feira, así como dos escritores e escritoras, que asinarán nestes días as súas obras.
Antes e tras o acto inaugural, tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte. A continuación, a comitiva institucional encabezada polo Alcalde visitou as 9 casetas protagonistas edición da Feira do Libro de Monforte.
En relación cos participantes deste ano, o Alcalde destacou que “fora das grandes cidades galegas, do resto de cidades e vilas participantes nas Feiras do Libro de Galicia en 2024, a edición de Monforte é a que máis librarías congregou, dado o potencial de ventas que ten como destino turístico a nosa cidade, coma capital da Ribeira Sacra”.
A Feira do Libro de Monforte está organizada pola Federación de Librarías de Galicia e o Concello de Monforte. Esta Federación de Librarías de Galicia é unha institución constituída sen fins de lucro, integrada por librarías de toda Galicia, que leva 46 anos ó servizo do sector.
Olga Novo, pregoeira da XXV Feira do Libro de Monforte
Na súa intervención, Tomé esbozou unha breve biografía da pregoeira, recordando que xa foi pregoeira en 2019 desta Feira do Libro, fai 5 anos. Olga Novo, natural do veciño concello de A Pobra do Brollón, ademais de poeta é ensaísta, tradutora e crítica literaria. Doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e de Estudos Hispánicos pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes.
Actualmente, exerce a súa profesión coma docente de Lingua Galega e Literatura no IES A Pinguela de Monforte, e foi lectora de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes.
Son numerosas as súas obras poéticas, así coma os seus ensaios e estudos sobre literatura, e ten colleitado premios coma o Losada Diéguez de Creación Literaria polo poemario Nós nus, o Premio da Crítica Española por Cráter ou Premio de Investigación Ánxel Fole por un estudo sobre Uxío Novoneyra, entre moitos outros.
No ano 2020, Olga Novo foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, pola obra Feliz Idade, que tamén acadou o Premio da Crítica Española e Galega, “o cal é para nós un orgullo e unha gran satisfacción que unha poetisa da nosa terra, acadara tan alta distinción”, manifestou José Tomé.
O alcalde referiuse a ela coma “unha excelente pregoeira que nos honra coa súa presencia e que vai contribuír, estou seguro, a que esta 25ª edición da Feira do Libro de Monforte resulte todo un éxito.”