José Tomé enxalza a figura do guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte organizou un acto na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro en homenaxe a Ramón Yáñez Pereira, asasinado polas forzas de represión franquista o 13 de xullo de 1943 na Caseta de Ansemil (Celanova)
Homenaxe a Ramón Yáñez Pereira en Monforte
Homenaxe a Ramón Yáñez Pereira en Monforte
12 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na tarde deste luns, 11 de novembro,  na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, o acto de homenaxe que o Concello organizou arredor do guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira, asasinado polas forzas de represión franquista o 13 de xullo de 1943 na Caseta de Ansemil (Celanova).  O acto contou, ademais de coa participación do historiador Carlos Morais e o artista plástico Baldomero Moreiras.

No acto estiveron presentes a tenente de alcalde, Gloria Prada, os concelleiros e concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Obras e Servizos, José Luis Losada, Deportes, José Manuel Mougán, Consumo, Regina López, Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, o voceiro Iván Torres, así como outros membros da Corporación municipal, membros de diversas asociacións monfortinas, así como veciños e veciñas.

Tamén estivo a presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Soto Feijóo, así coma directivos e socios deste Comité.

A homenaxe dá continuidade á celebrada en Celanova o pasado mes de xullo, coincidindo co 81º aniversario da morte de Yáñez Pereira. Neste senso,  está organizada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte en colaboración co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

O alcalde, que abriu o acto, recordou que “dende Equipo de Goberno do Concello de Monforte, colaboramos co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, xa dende o pasado mes de xullo, cando participamos na homenaxe celebrada en Celanova, coincidindo co 81º aniversario da morte de Yáñez Pereira, acto no que a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, representou ó noso Concello.”

“Como non podía ser doutra forma, o Concello de Monforte tamén decidiu sumarse a estas homenaxes, e por iso hoxe estamos aquí, para honrar a memoria dun monfortino, Ramón Yáñez Pereira, coñecido como O Médico, que foi unha das 90 vítimas da represión durante a guerra e a ditadura que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ten documentado, e que sitúa o seu soterramento no cemiterio de San Breixo de Celanova.”

José Tomé lembrou, na mesma liña, que en marzo de 2020, “levamos a cabo dende o Concello outro acto de homenaxe a unha vítima da represión franquista, neste caso a Consuelo Alonso González, unha muller que foi veciña desta cidade nos anos 30 do pasado século, e que foi represaliada e executada polo réxime franquista, por defender as súas ideas, o 13 de maio de 1938. Dende o Concello de Monforte somos moi sensibles e estamos moi implicados con homenaxear a aqueles monfortinos e monfortinas que foron represaliados, ben durante a Guerra Civil, ben durante a posguerra do réxime militar de Franco, que é unha parte moi dura da nosa historia, pero que é tan necesario lembrar, e que nunca debemos esquecer”.

O rexedor monfortino recordou a Lei de Memoria Histórica, que foi aprobada polo Congreso dos Deputados o 31 de outubro de 2007, “tras ser impulsada polo goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero. Unha Lei grazas á cal podemos levar a cabo as investigacións pertinentes e o recoñecemento de todas as vítimas da Guerra e da ditadura de Franco. Por iso, as investigacións do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova permítennos hoxe dar a coñecer en Monforte a historia de Ramón Yáñez e homenaxealo como se merece”.

José Tomé revelou que A raíz do acto de homenaxe que estamos levando a cabo hoxe, púxenme como Alcalde directamente en contacto co Tribunal Militar Territorial Cuarto, sección Amnistías, de A Coruña, a fin de que nos puidera facilitar máis información sobre esta figura histórica monfortina. A tal efecto, tras dar traslado da nosa petición ó Arquivo Xudicial, remitiron ó Concello a Causa 335/1943, número de orde 1.434 e número de Legajo 52, instruída na Praza de Ourense, onde se recolle todo o relativo ó proceso e ós feitos que levaron á morte de Ramón Yáñez, o que se denominaba, xa dende a primeira páxina como “atracador”. “Permítanme agradecer ó Ministerio de Defensa do Goberno de España, e ós responsables do Tribunal Militar Territorial Cuarto pola súa dilixencia á hora de atender a nosa petición”.

Referencias biográficas do guerrilleiro monfortino

Ramón Yañez Pereira, apodado Enrique ou o Médico, naceu en Monforte de Lemos en 1902, sendo fillo de Manuel Yánez e María Pereira. Polo que sabemos, o seu pai era axente comercial e rexentaba unha representación de fósforos na nosa Bisbarra de Lemos.

Ramón era chofer de profesión, pois sendo moi novo, con 21 anos xa sacara o carne de conducir.

Emigrou a Barcelona e sabemos que durante a Guerra Civil foi axente policial da Generalitat de Cataluña. Antes de caer Barcelona, en 1938 cruzou a fronteira cara Francia, e posteriormente volve a España e a Monforte, acompañado dunha muller catalá chamada Teresa Batet, posiblemente a súa compañeira.

Ata xuño de 1940 exerce de axente recadador de “contribucións” en Ribadavia, onde mantivo a súa actividade política na clandestinidade até que se incorporou á guerrilla. As forzas do réxime buscaban a súa detención, polo que tivo que refuxiarse en Castro Laboreiro, que pertence ó concello portugués de Melgaço, adoptando o nome de Enrique, aínda que tamén era coñecido como o Médico, porque tiña colaborado con éxito en partos.

É nese momento en que establece relación con o Brasileiro, incorporándose de inmediato ó proxecto de resistencia armada que aquel estaba organizando. Tamén sendo militante comunista, constituíuse coma un dos mandos do grupo de guerrilleiros nesta zona do Laboreiro.

En xullo do ano 1943, que foi no que morreu, achegouse a Celanova para tratar de conseguir cartos a través dun con-veciño de Monforte e parece que vello amigo, e que por entón xa era un rico comerciante instalado en Celanova, de nome Ramón Castro.

Pero o guerrilleiro foi denunciado polo seu vello amigo, e un grupo de militares e gardas civís, cifrados en 11, rodearon a fonda da Caseta de Ansemil na que Ramón Yáñez quedara para recibir a axuda de Ramón Castro, e mataron ao Médico cando intentaba fuxir cara o monte.

0.20393085479736