José Tomé e Isabel Rodríguez protagonizaron a xuntanza do dispositivo de seguridade das festas de Monforte
A Sala de Xuntas do Concello de Monforte acolleu a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade, á que asistiron o alcalde, José Tomé Roca, a subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, que copresidiron a xuntanza, e estiveron acompañados polos representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: representantes da Policía Nacional en Monforte, do subsector de tráfico da Garda Civil, o representante da D.X. de Emerxencias, o representante de Protección Civil, representante dos Bombeiros, así como da Policía Local.
A xuntanza tivo por obxectivo analizar e organizar o dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo o domingo 11 de agosto e que se estenderán ata o venres 16 de agosto, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.
José Tomé e Isabel Rodríguez avanzaron que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos veciños e veciñas, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte neses días, co obxectivo de conseguir o mellor desenvolvemento destas festas populares, destacando o magnífico resultado que esta colaboración institucional supuxo nas celebracións de pasadas edicións.
Dispositivos de seguridade durante as Festas Patronais
A xuntanza abordou en primeiro lugar os diversos dispositivos de seguridade que o Concello de Monforte precisará para as Festas Patronais de Monforte.
Con respecto ao dispositivo que se porá en marcha, a subdelegada e o alcalde detallaron a elaboración dun plan coordinado, en colaboración da Policía Nacional e a Policía Local, que ten como fin velar pola tranquilidade da cidadanía, garantir a orde pública e poder dar unha resposta rápida e eficiente no caso de que se producise calquera incidente.
Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos.
Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.
O rexedor tamén sinalou que durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os fogos de artificio de San Vicente, o xoves día 15, e os Fogos do Río, o venres día 16.
Tomé valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”. E tamén anunciou que nos vindeiros días, terá lugar a celebración dunha mesa técnica cos distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para perfilar detalles de última hora da colaboración que se estableza respecto do dispositivo a despregar durante as Festas Patronais.
Pacto do Estado contra a violencia de xénero
A subdelegada do Goberno, pola súa parte, destacou o importante papel que xogan os concellos para facer fronte á violencia machista, confirmando que a nova transferencia de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero deixa na provincia de Lugo 240.979,19 euros. Copresidiu esta reunión xunto co alcalde, José Tomé Roca, coa presenza de membros da Policía Nacional, Autonómica, Garda Civil, Subsector de Tráfico e Policía Local.
Isabel Rodríguez puxo de exemplo ao concello de Monforte, que recibe nesta última convocatoria 11.398,50 euros, “facendo un bo aproveitamento destes recursos para desenvolver campañas de concienciación e políticas públicas que poden ter unha maior efectividade e impacto ao ser promovidas desde os concellos, as administracións que están máis preto das veciñas e veciños”.
Do mesmo xeito, remarcou a necesidade de cooperar entre administracións para mellorar a resposta institucional, así como a colaboración entre as forzas e corpos de seguridade para garantir a asistencia e protección ás mulleres vítimas deste tipo de violencia.
Neste caso, a subdelegada felicitou ao rexedor polas actividades desenvolvidas con cargo a estes fondos na anterior convocatoria, “poñendo en marcha distintos puntos violetas con material divulgativo, realizando obradoiros educativos para prevención das violencias dixitais e sexuais, ou impartindo formacións para identificar os sinais en relacións asentadas sobre a desigualdade entre rapaces e rapazas”. Ademais, a Policía Nacional leva desenvolvidas preto de 30 charlas en centros de ensino da localidade nos últimos dous cursos dentro do Plan Director.
Isabel Rodríguez aproveitou este espazo para convidar aos municipios beneficiarios a destinar estes fondos á erradicación da violencia machista no marco das súas competencias, “desenvolvendo campañas de sensibilización, mellorando os servizos de atención e información, ou mesmo formando ás e aos profesionais que traballan neste eido nos concellos, así como a policías locais adheridos ao sistema Viogen, por mencionar algúns exemplos”, indicou.
Tamén agradeceu “todo o traballo que están a desenvolver os distintos axentes que interveñen nos procesos de violencia contra as mulleres, sabemos que atravesan situacións difíciles e o fan coa maior dilixencia e profesionalidade”.