Unha nova edición do Túnel do Viño reuniu a un cento de persoas no Pazo de San Marcos
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres no Pazo de San Marcos nunha nova edición do 'Túnel do Viño', organizada pola institución provincial en colaboración con Paadín Eventos. Esta cita, que reuniu a unhas cen persoas, enmarcouse dentro da xornada Aproximación aos Viños da Provincia de Lugo na que tamén se incluíu unha conferencia técnica dirixida polo experto en Vitivinicultura e autor da Guía de Viños Destilados e Bodegas de Galicia, Luis Paadín, e o xornalista e consultor internacional de viños, Fréderic Galtier.
Tomé Roca enmarcou esta xornada “dentro do firme compromiso que mantemos desde a institución provincial co sector primario, co obxectivo de promocionar, de poñer en valor e de impulsar a produción e a comercialización dos viños da nosa provincia”. Nesta liña, destacou a importancia do sector para a economía, o emprego e para “preservar a nosa identidade cultural”.
“Os nosos viños, amparados por selos de calidade coma as IXP Terras do Navia ou a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, son hoxe exemplo da nosa capacidade para manter as nosas tradicións e, ao mesmo tempo, adaptarnos ás esixencias dun mercado internacional cada vez máis competitivo. A variedade dos nosos tintos, brancos e rosados non só atrae polo seu sabor, senón tamén porque cada botella leva consigo a historia e o carácter do noso territorio”, avanzou José Tomé.
Sobre o impacto deste sector no eido turístico, o mandatario provincial fixo referencia ao enoturismo destacando que se trata “dunha realidade que engade valor a nosa oferta turística e atrae a visitantes de todas formas. A creación de rutas de enoturismo, as visitas ás bodegas e á vendima, e as experiencias de cata ao carón das nosas viñas ofrecen aos turistas a oportunidade de coñecer a autenticidade e a beleza da nosa terra a través dos seus viños”. Ademais, o Presidente resaltou que “tamén axudan a dinamizar o noso rural, a crear emprego e a potenciar a economía local”.
A xornada iniciouse ás 17.00 horas cunha conferencia técnica inaugurada polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e dirixida polo experto en Vitivinicultura e autor da Guía de Viños Destilados e Bodegas de Galicia, Luis Paadín, e o xornalista e consultor internacional de viños, Fréderic Galtier. Neste encontro, Paadín realizou un percorrido histórico polas tendencias de consumo de viño, mentres que Galtier abordou as diferentes oportunidades da Ribeira Sacra para posicionarse no mercado global.
Tomé Roca e Pablo Rivera participaron ademais na cata, na que os asistentes puideron probar, valorar e coñecer en profundidade un cento de viños da D.O. Ribeira Sacra e a IXP Terras do Navia.