José Tomé anuncia unha nova obra de reparcelación catalogada como 'Zona D' en Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de informar da aprobación definitiva do proxecto de reparcelación da Zona D de Monforte, que se corresponde cos terreos localizados no centro da cidade inmediato ao río Cabe, e fronte ao colexio da Compañía.
A Zona D é unha área en forma de rectángulo recortado que inclúe os terreos que están ubicados entre o paseo do río, as traseiras dos edificios da Avda. de Galicia, as traseiras dos edificios da Rúa Cardenal e unha pequena parte do Parque dos Condes, que se corresponde co lugar onde está localizado o muro de peche e a pérgola.
Tal e como subliña o rexedor, “esta é unha nova acción que responde a seguir cumprindo de seguir mellorando o urbanismo da cidade, en todos os ámbitos, por iso, imos dar un novo paso na mellora e posta en valor dun espazo que neste momento está en parte degradado, que coincide coas traseiras do edificio do Banco de Bilbao e do edificio do supermercado Árbol”.
A urbanización da Zona D suma unha superficie de 3.274 metros cadrados pertencentes a 35 propietarios ou herdeiros incluída unha comunidade do garaxe. A superficie total afectada por esta urbanización é de 3.274 metros cadrados que se corresponden con 1.932 metros de chan privado e 1.342 metros de terreo público, dos que 791 metros correspóndense coa tira da zona verde pegada ao muro de peche cunha lonxitude de 41,5 metros e 561 metros da vía que descorre fronte á pérgola.
"A aprobación definitiva do proxecto de reparcelación vai permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza e abrir un nova vía que comunica a Rúa Cardeal co Paseo do río Cabe. Tamén vai xerar novas parcelas para edificar con baixo impacto. Por outro lado, engádese tamén unha zona verde, e o conxunto vai permitir cambiar a fisionomía da cidade e poñer en valor esa zona que se atopa moi próxima ao Monumento da Nosa Sra. Da Antiga”.
O custo deste proxecto de reparcelación da Zona D roldará os 400.000 euros e será financiado con fondos propios municipais.
“Despois da excelente experiencia da Zona C”, continuou José Tomé, “estamos convencidos de que na Zona D ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”.
Os planos de reparcelación amosan como vai quedar a zona edificable e todo o que se gana para uso público, tanto vías como zonas verdes.
O alcalde remarcou o seu convencemento de que a Zona D resultará moi ben acollida polos veciños e veciñas de Monforte, tendo en conta a excelente experiencia vivida coa Zona C e dada a importancia da zona afectada, a pesar de que o ámbito de actuación é mais reducido.
A OPOSICIÓN, EN CONTRA
Desde o BNG de Monforte de Lemos mostran a súa "profunda preocupación e desacordo co proxecto urbanístico Zona D. Consideramos que esta proposta carece de sentido e de visión de futuro para o desenvolvemento da nosa vila", explican.
Urbanisticamente, "este proxecto representa un atropelo", din. "Non cremos que sexa necesario seguir urbanizando novas zonas en Monforte cando xa existe unha significativa cantidade de solo urbanizable, de vivendas baleiras, e en estado ruinoso. Desde o noso punto de vista, o orzamento debería destinarse á rehabilitación destas vivendas, en lugar de investir en novas construcións que non responden as necesidades actuais da cidadanía", sosteñen.
A diferenza do proxecto da Zona C, "que cumpriu unha función clara ao abrir unha rúa que ata entón era cega, a proposta para a Zona D carece dun interese xeral evidente para Monforte. Esta nova rúa proxectada, será unha vía sen saída que desembocará no río, sen ningún beneficio para a circulación de vehículos e, pola contra, podería incentivar un maior fluxo de tráfico cara ao centro da vila, unha zona xa saturada na actualidade".
Ademais, destacan que a maioría dos propietarios dos terreos afectados opóñense de maneira frontal ao devandito proxecto, o que pon de manifesto a falta de consenso, e a falta de atención ás preocupacións de quen se verá directamente afectados por esta iniciativa.
O BNG de Monforte de Lemos continuará defendendo unha planificación urbana axustada ás verdadeiras prioridades dos veciños e veciñas de Monforte. "Apostamos pola rehabilitación do patrimonio urbano existente como unha solución máis racional e beneficiosa para a Monforte", conclúen.