Javier Goyanes, organizador do Son de Aldea de Toldaos: “O mellor é o sorriso da xente maior ao ver o pobo cheo”

RibeiraSacraXa
Por Jessica Fernández.
Son de Aldea Toldaos (1)
5 Maio 2024

Por Jessica Fernández.

Falamos con Javier Goyanes, presidente da asociación de veciños As Candelas de San Xoan de Toldaos e promotor do Festival Son de Aldea de Toldaos.

Como xurdiu a iniciativa de promover o festival?

Eu son de Monforte, pero os meus antepasados son de Toldaos e hai 9 anos decidín comprar a casa dos meus avós e funme vivir alí. Cando cheguei, dinme de conta de que as aldeas ían cada vez máis a menos, os camiños eran selvas auténticas… Así, empecei a limpar camiños, recuperar patrimonio material e inmaterial, como fotos antigas, imaxes... e empezamos a poñer en valor as cousas.

Cando empecei a preparar todo iso, púxose en contacto comigo Lucas, de Segredos de Pantón, e fixemos xuntos a segunda andaina da asociación hai 8 anos cando empezaban a súa actividade e xuntáronse moitísimas persoas.

A raíz diso, empecei a colaborar con eles e hoxe en día son o vicepresidente da asociación. Pero tamén empecei a recuperar contos, lendas propias de Toldaos, facer rutas, atopei restos arqueolóxicos que agora están en proceso de catalogación… É dicir, fun recuperando toda o que había en Toldaos e chegou un momento en que pensei que tiña que facer algo que unirá todo, un festival multicultural con musica, poesía, etc.

Así, a primeira edición foi en 2022, a segunda edición o ano pasado e, agora, a terceira.

En que vai consistir este ano?

O festival é integramente en galego e a xente pensa que facemos algo tradicional, pero incluímos todo tipo de música e actividades, como contacontos para nenos, teatro, poesía, presentacións de curtametraxes… O ano pasado, por exemplo, veu Anxo Moure cos seus contos.

Neste ano, xa temo cinco grupos de música pechados, sendo o primeiro que abrirá o festival Peitoscuro, un rapaz de Madrid que veu a vivir á zona do Courel e que lle dará un impulso ao festival porque é espectacular como músico. Logo, estará Leira, un grupo feminino composto por rapazas novas que fan pop rock interesante por toda Galicia. Despois, virá Xerezade, que son do Incio e da Pobra do Brollón e tiñamos que traelo de novo por aclamación popular. Tamén estarán Jinetes do Trópico, que tamén estiveron en moitos festivais e, por último, Eris Mackenzie, que traerá a música urbana con mesturas de cumbia e outros estilos.

Con respecto ao resto de actuacións, aínda non están pechadas, pero contaremos cunha exposición fotográfica que vai estar relacionada con Segredos de Pantón sobre os traballos das mulleres do rural

Tamén haberá gastronomía, con comidas e bebidas de estilo foodtrucks pero montado por nós. Queremos destacar que a entrada é de balde porque queremos que a cultura chegue a todo o mundo.

Teñen algún tipo de axuda ou colaboración?

Recibimos unha pequena axuda do Concello de Pantón e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para axudarnos a contratar algún grupo, pero despois o tema de escenarios e son é moito diñeiro. Nós queremos que estea todo en regra e que os escenarios teñan bo son, polo que facemos unha inversión moi grande.

Cal é o obxectivo desta iniciativa?

Queremos que sexa un festival sostible, por iso todos os materiais que usamos son reciclados. Ademais, o baño é seco, non son as típicas cabinas dos festivais, aquí os baños consisten en botar serradura e área e enriba dos excrementos das persoas que van facer as súas necesidades, co que despois se fará compost.

Ademais, queremos descentralizar os actos culturais, que moitas veces non chegan aos pobos pequenos, quedándose na capital dos concellos. E queremos visibilizar como están as aldeas e poñer en valor a necesidade de potenciar que haxa xente, que veña e que se poida asentar poboación.

Estamos moi contentos coa aceptación da xente. A pesar de ter que poñer cartos do meu peto na primeira edición, compensa por ver á xente tan contenta. Na segunda edición, petámolo nas redes sociais, chegando a 15.000 persoas grazas a colaboradores e patrocinadores; e a min o que máis me emociona ao facer un acto cultural é a cara da xente maior: o seu sorriso ao ver o pobo cheo. A xente maior dicíame que é mellor que o San Mateo de Monforte. O importante é que veña xente para poñer en valor o pobo, como o ano pasado, que viñeron entre 800 e 1.000 persoas, cando durante todo o ano hai arredor de 40 persoas. O mais importante é que haxa xente na rúa.

0.12466597557068