Isaac Rodríguez de Agora en Monforte: “Existe maior discriminación para as persoas con discapacidade no rural"

RibeiraSacraXa
Lucía Blanco Cada 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover o benestar deste colectivo en todos os ámbitos e invitar á reflexión sobre os beneficios dunha sociedade inclusiva e accesible para todos.
asociación_agora_monforte
3 Dec 2023

Lucía Blanco

Cada 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover o benestar deste colectivo en todos os ámbitos e invitar á reflexión sobre os beneficios dunha sociedade inclusiva e accesible para todos. Nesta tarefa teñen moito que aportar asociacións como Agora en Monforte, que botou a andar no ano 1992 coa intención de defender os dereitos das persoas con discapacidade da comarca de Lemos, “apostando polo fomento da autonomía persoal, a participación social e a integración laboral”, destaca Isaac Rodríguez, que preside a entidade. Máis de dúas décadas despois, as prioridades seguen a ser as mesmas: “Ofrecer ás persoas usuarias uns servizos de calidade que lle posibiliten ter unha vida mellor”, engade.

Asumiu o cargo este mesmo ano despois de que Manuel Barreiro desempeñara ese labor durante 25 anos. Que retos afronta?

Non é a miña primeira experiencia no movemento asociativo, xa tiven a oportunidade de formar parte da Xunta Directiva que presidía Manuel Barreiro e puiden ollar como a entidade traballa. Tamén sigo colaborando coas entidades das que forma parte Agora, como son a Federación COGAMI Lugo e COGAMI. As redes son fundamentais para establecer obxectivos e son un altofalante para recoller as demandas e necesidades do colectivo.

Ofrecen servizos como o centro de día ou o programa de transporte adaptado. Teñen algunha novidade en canto a estas prestacións?

Tratamos de participar máis nas actividades que se desenvolven na nosa cidade e mesmo formamos parte delas, como pasou este ano co FanCine de Lemos no que fomos participes e colaboradores. A nosa premisa sería incluír ás persoas con discapacidade nas diversas actividades da sociedade, sexan culturais, deportivas, educativas... máis que organizar actividades dirixidas única e exclusivamente ao noso colectivo.

En que obradoiros están a traballar actualmente?

Temos actividades dirixidas a potenciar e mellorar a calidade de vida e autonomía das persoas. Ao longo do día, hai actividades físicas, de mantemento, de rehabilitación, de benestar emocional. Igualmente temos actividades de estimulación cognitiva, psicomotricidade, de habilidades da vida diaria e sociais, pero tamén talleres de costura o cociña. Todas teñen uns obxectivos establecidos e adaptados previamente a cada persoa usuaria e aceptados pola mesma. Unha vez realizados, mediante intervencións individuais, serán revisados para valorar os avances ou modificados se é preciso.

Ese tempo de lecer é imprescindible para o desenvolvemento das persoas. En xeral, como valoran o protagonismo do colectivo cando se organizan actividades na comarca?

Aínda existen moitas e variadas dificultades de acceso que lles permitan un desfrute en igualdade de condicións dignas. Un exemplo positivo foi o dos campamentos que este ano organizou o Concello de Monforte no que tiveron en conta as necesidades e apoios dos menores con discapacidade que se inscribiron, garantindo así que puideran participar con grupos de iguais e permitindo un clima de aceptación e diversidade. Temos outro exemplo positivo como é o caso dos parques infantís inclusivos, pero aínda queda moito por facer como a mellora da accesibilidade nos locais. A organización do ocio en tódolos tramos de idade non é só competencia da Administración, senón tamén das entidades privadas.

Outra das fins de Agora é a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade. Como valoran a mellora normativa nos últimos anos?

Aínda que existe unha lei que fala de que xa debería existir esa accesibilidade universal, seguimos comprobando como non é algo real. Como exemplo, dende o 4 de decembro de 2017 tódolos bens, espazos e servizos deben ser totalmente accesibles e seguimos comprobando como non se cumpre. O acceso a vivenda accesible tanto en aluguer como en venda é practicamente inexistente, os medios de transporte non son totalmente accesibles e seguen abrindo comercios sen cumprir as medidas. Pero non estamos falando só da accesibilidade física, senón tamén das barreiras na comunicación. Falta unha linguaxe sinxela ou con pictogramas para persoas que teñen dificultades para a comprensión lectora, unha lingua de signos para persoas con dificultades auditivas...

Que tipo de barreiras se seguen a atopar na súa vida diaria para gozar dos dereitos en igualdade de condicións?

As barreiras que máis nos afectan son principalmente as físicas xa que son as que máis redundan no exercicio dos dereitos, pero tampouco debemos obviar as barreiras psicolóxicas. Se percibimos ás persoas con discapacidade como persoas con menos dereitos estamos limitando a súa participación.

Esta discriminación é maior no medio rural?

Evidentemente, atopamos maior discriminación no ámbito rural, xa que os espazos, bens e servizos non adoitan ser accesibles. As persoas non contan con frecuencia con transporte público accesible se teñen que desprazarse a zonas urbanas e moitos dos recursos son limitados ou non se adecúan as súas necesidades. Por iso, é importante o labor que facemos dende as entidades dando unha resposta co transporte adaptado para que poidan acudir a recursos como un centro de día ou actividades puntuais que poidan desenvolver.

Segundo un estudo do Real Patronato da Discapacidade só un 11,7% dos enquisados consideran que as persoas con discapacidade teñen as mesmas oportunidades que o resto da cidadanía, sinalando ámbitos como o emprego como aqueles con maior discriminación. Que opinan ao respecto?

As estatísticas visibilizan esta realidade moitas veces descoñecida para a sociedade. É certo que a maioría das persoas con discapacidade acceden ao emprego en menor medida ca o resto da sociedade. A maior nivel formativo, menor número de persoas con discapacidade, porque os apoios que poidan precisar desaparecen ou son de menor acceso cando non se trata de ensinanzas obrigatorias.

Nesta cuestión tamén ten moito que ver o papel das familias.

A sobre protección mal entendida por parte das familias, que moitas veces protexen en vez de promover o empoderamento para que accedan ao mercado laboral, limitan tamén esa participación. Por outra parte, os índices de desemprego son maiores se falamos de mulleres con discapacidade.

Precisamente, dende a asociación ofrecen asesoramento á sociedade, aos usuarios e ás propias familias. Mantéñense moitos prexuízos que poden chegar a distorsionar a visión das persoas con discapacidade?

Os prexuízos están aí e limitan moitas veces as capacidades reais que teñan as persoas, pero dende as entidades facemos unha labor importante de concienciación co obxecto de ir eliminando esa visión asistencialista para pasar a unha máis participativa e inclusiva.

Que rol xogan as campañas de sensibilización na evolución da percepción do colectivo?

As campañas de concienciación e a visión das persoas con discapacidade participando en tódolos ámbitos da sociedade son unha forma de eliminar esa visión distorsionada. Cando normalizamos estamos xerando oportunidades, cando promovemos e dotamos de apoios estamos garantindo dereitos. Esa é a verdadeira clave para conseguir o que é a misión da nosa asociación: a plena inclusión.

entrada_centro_de_dia_asociacion_agora_monforte
0.15883421897888