Interior Galego Vivo denuncia a "inacción" da Xunta na crise da Ribeira Sacra e alerta sobre o futuro do sector vitícola

RibeiraSacraXa
"Ata agora só vemos parches, non solucións reais para a Ribeira Sacra", explican
quiroga viñedos
13 Jan 2025

Interior Galego Vivo volve alzar a voz para advertir do deterioro que sofre a Ribeira Sacra, un territorio que, advirten, está a vivir unha das súas crises máis profundas. Desde o movemento cidadán lembran que foron os primeiros en alertar sobre a grave situación no sector vitícola e sobre a ameaza da flavescencia dourada, promovendo iniciativas nos plenos municipais de Chantada, Monforte de Lemos e Sober. Ademais, participaron activamente nas mobilizacións convocadas polos principais sindicatos do sector, como o SLG e UUAA.

Porén, consideran que as respostas da Xunta e do Consello Regulador seguen a ser insuficientes. "Ata agora só vemos parches, non solucións reais para a Ribeira Sacra", sinalan. Critican con incredulidade que o Consello Regulador consultase recentemente aos viticultores sobre a posibilidade de solicitar a poda en verde, cando esta medida non foi pedida na pasada campaña. Moitos produtores, ademais, aseguran que non recibiron información ou que esta chegou tarde, dificultando calquera reacción a tempo. "A improvisación e a falta dunha estratexia clara poñen en risco a Denominación de Orixe Protexida (DOP), sobre todo os seus elos máis débiles", engaden.

O Consello Regulador estimou unha axuda de 4.000 euros por hectárea para aqueles que destrúan a produción da parcela antes do pintor, unha medida que cualifican de insuficiente. Interior Galego Vivo denuncia que esta solución beneficia principalmente aos grandes propietarios, deixando á maioría dos pequenos viticultores, que traballan parcelas de media hectárea ou menos, cunha compensación mínima. "Para quen dá identidade á DOP, só quedan migallas", apuntan, e advirten que esta situación fomenta o abandono de parcelas e o acaparamento de terras.

"Un patrimonio da humanidade sen xente e sen agricultura"

Interior Galego Vivo critica tamén as "axudas á paisaxe" da Xunta, cualificándoas de "morfinas" que buscan maquillar unha crise de longa duración. Segundo afirman, estas axudas, mal deseñadas, só contribúen a eliminar a pequena produción, reforzan os grandes grupos empresariais e empobrecen unha área que destaca pola súa diversidade e valor identitario. Ademais, sinalan a exclusión de viticultores e adegas que non forman parte da DOP como unha contradición, pois estas persoas tamén traballan parcelas que contribúen a manter a paisaxe da Ribeira Sacra.

Outro punto crítico é a falta dun estudo transparente e rigoroso sobre os custos de produción na DOP. Segundo a Interprofesional do Viño, producir un quilo de uva na Ribeira Sacra custa un mínimo de 1,20 euros, fronte aos 0,48 euros de media estatal. A isto engádese que, en moitos casos, a uva véndese por debaixo do custo de produción, incumprindo a Lei da Cadea Alimentaria.

Comparación con outras rexións

Interior Galego Vivo subliña as diferenzas coas axudas que reciben outras rexións como A Rioxa ou Euskadi, onde se pagan cantidades significativamente maiores e se destinan fondos propios para apoiar a aqueles produtores que quedan fóra das convocatorias do Ministerio. "Como se pode competir con rexións que teñen custos de produción moito máis baixos, maior capitalización e anos de vantaxe no mercado?", pregúntanse.

"O futuro da Ribeira Sacra está en xogo"

Os datos son alarmantes. En 2005, había 2.906 viticultores rexistrados na Ribeira Sacra; en 2022, só quedaban 2.217, unha perda de case 700 en menos de dúas décadas. As adegas, que actualmente empregan a 205 persoas de forma directa e outras 421 de maneira indirecta, poderían verse reducidas drasticamente se a crise persiste.

Interior Galego Vivo conclúe cunha dura crítica á Xunta, acusándoa de hipocrisía por destinar 250 millóns de fondos europeos a proxectos industriais como Altri, mentres destrúe miles de empregos reais no sector primario, especialmente no interior galego. "Non hai solucións á vista, só propaganda. Pero o sol non se tapa cun dedo", sentencian.

0.16653609275818