Insubmisión

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
julio diaz foto colaborador lugo
12 Sep 2022

Por Julio Díaz

Estando a punto de rematar o verán e sentado a carón de dúas familias que mantiñan o eterno debate de principio de curso, como si da  canción do verán se tratase, “Deberes Si, Deberes Non” rememorei un cabreo especial que vivín aló  polo mes de novembro do ano 2016 cando unha confederación de pais pedía o boicot á realización das tarefas escolares e decidín reproducir neste “meu pupitre” o artigo que un medio de comunicación me solicitara para coñecer a miña opinión sobre tan espiñoso tema. Imos aló

“Chámome Alex, teño 9 anos e fai dous días que apenas durmo porque non sei que facer; o profe púxome unhas tarefas e papá di que non teño que facelas”.

Unha vez máis, como se dun clásico se tratase, preséntase o debate dos deberes escolares pero este ano condimentado coa campaña dunha confederación de pais que pide o boicot e a insubmisión ás tarefas escolares, suscitando unha gran controversia no seo da comunidade educativa, que se fai extensible a toda a sociedade e que coincide, ademais, con outras campañas publicitarias que dalgún xeito cuestionan o labor do profesorado e atenta contra a liberdade de cátedra e o principio pedagóxico e organizativo dos nosos centros educativos.

Manifesto o meu rechazo ante estas propostas que incitan a insubmisión e ao boicot atentando contra a liberdade do profesorado e a súa autoridade profesional e académica.

A comunicación no centro educativo entre o profesorado e as familias resulta fundamental para resolver estas controversias desde o diálogo co titor/a, co equipo directivo ou desde os órganos de participación educativa como é o Consello Escolar. As propostas de boicot e insubmisión non encaixan na boa dinámica educativa lanzando unha mensaxe demoledora sobre a relación profesor-alumno que socava a autoridade do docente, atenta contra a boa convivencia escolar e en última instancia, contra o rendemento académico do alumno.

Non podo entender que o máximo representante, a nivel nacional, dunha asociación de pais pensase e menos aínda se atrevese a promover unha campaña que di “ O meu fillo non leva deberes por unha decisión familiar”. E digo eu cando vai o médico dille “ O meu fillo non toma a medicación por decisión familiar” e o domingo no fútbol espétalle ao adestrador “ O meu fixo xoga de dianteiro pero hoxe é porteiro por decisión familiar”. Sigo pensando e sorrío para dentro imaxinando a cara que se lle pode quedar á Garda Civil cando con rotundidade lle diga: “Non pode multar ao meu fillo por ir sin carné, xa que o fai por unha decisión familiar”.

Vamos, de coña. Outra das frases para enmarcar é “ Na escola falta unha asignatura: o tempo libre”, pois pode ser, pero ese argumento desa asociación de pais para esixir menos deberes baseado en que precisan máis tempo para eles, máis tempo libre e para a vida familiar, oblíganme a trasladarlle que unhos deberes ben plantexados deben ocupalos, dependendo da idade, non máis de hora e media que comparado co tempo que adican á televisión, redes sociais, videoxogos, novas tecnoloxías e as múltiples actividades extraescolares ás que os anotan non ten moito sentido culpar as tarefas escolares da falta de disfrute dos seus fillos. O que está claro é que o que os docentes botamos en falta é outra asignatura que se chama “participación real  e  efectiva dos pais”. Ninguén dubida de que escola e familia deben de traballar de forma conxunta, pero parece que a maioría das veces en vez de aunarse esforzos o que fan é camiñar en liñas paralelas que non conducen a ningures.

A participación real e colaborativa da familia é unha asignatura pendente nos centros educativos. Familia e escola teñen que traballar ao unísono, pero o certo é que non sempre os pais o entenden deste xeito e acaban colocándose “frente a” en lugar de “ao lado” e moitas veces os camiños de colaboración que escollen en vez de remar na mesma dirección e sentido fano en sentido contrario.

É recomendable que os país coñezan ao profesor dos seus fillos e que traten de ter unha relación colaborativa e cordial; é preciso rematar coa tensión que a día de hoxe xérase nos nosos  centros educativos no que respecta á relación dos país cos docentes dos seus fillos. Non é entendible o clima de tensión que moitas veces se está a vivir, debe asumirse que a aula é cousa do docente e debe ser o lugar onde poida realizar o seu traballo sen presións nin coaccións.

Moitas veces os docentes preguntámonos por qué estes mesmos proxenitores que se están a inmiscuir no noso traballo non o fan no doutros profesionais, ninguén se imaxina a un papá /mamá dicíndolle ao médico como debe anestesiar, onde aplicar o bisturí, onde saturar, que receitar… e iso é aplicable aos distintos profesionais que ao longo do tempo traballan cos seus fillos. Aínda que quizais teña unha explicación grazas á teoría, baseada en feitos científicos, que conclúe que “neste país todo o mundo entende de fútbol e de educación”.

Gustaríame acabar citando un proverbio africano que di: “Para educar a un neno fai falta toda a tribu”


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18293809890747