Inaugúrase a Gymkhana do CCU 2024 de Monforte, activa ata o sábado 24

RibeiraSacraXa
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou que a Xunta apoia esta iniciativa no marco dunha achega de 52.000 euros destinada ao CCU de Monforte
CCU-Monforte-Gymkhana
22 Aug 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou en Monforte na inauguración da Gymkhana do CCU 2024, que se celebrará deica este sábado 24 de agosto para ofrecer ás persoas participantes unha serie de actividades tras mercar nalgún dos establecementos asociados ao Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos.

Alén destacou que a Xunta apoia esta iniciativa no marco dunha achega de 52.000 euros destinada ao CCU de Monforte dentro da convocatoria para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos, á que este ano se destinan en total 2,25 millóns de euros.

Con estas achegas, subliñou o director xeral, o Executivo autonómico financia actuacións de dinamización comercial, fidelización de clientela, dixitalización ou para o mantemento da unidade xerencial.

Grazas á aportación da Xunta, os beneficiarios teñen a oportunidade de financiar gastos derivados de campañas de dinamización, feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial. Tamén descontos de aparcamentos vencellados coas vendas, envíos en liña, mantemento de marketplaces, ou de desenvolvemento de apps de fidelización.

O director xeral aproveitou para lembrar outra convocatoria aberta: a de comercio circular cuxas axudas por 1,2 millóns de euros se poden solicitar ata o próximo 13 de setembro.

En concreto, están orientadas a potenciar a transformación sostible dos sectores comercial e artesán, así como impulsar as pemes e autónomos do sector téxtil a través de novos programas específicos. A convocatoria está dirixida a comerciantes retallistas con tenda física e obradoiros artesáns, asociacións de comerciantes, así como pemes e persoas autónomas do sector téxtil, dedicadas ao deseño, produción e venda de prendas de vestir, calzado e complementos.

No caso de comerciantes e obradoiros, a orde contempla o programa Eco-Pack, orientado á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma ás dimensións e formato dos produtos, priorizando o uso de materiais reciclados e reutilizables.

No que respecta ao sector téxtil, a convocatoria conta cos dous programas novidosos. Por unha banda, o programa Avanza Téxtil, orientado ao impulso dos pequenos produtores do sector con marca comercial propia. Inclúe accións como a participación en cursos de formación ou obradoiros de confección téxtil, a adquisición de maquinaria de destrución de téxtil para a súa posterior reutilización, a adquisición de maquinaria e ferramentas de corte e confección ou a organización e participación en tendas efémeras como pop ups e showrooms. Por outra banda, o programa Re-circular recolle accións que promoven o uso de materias primas e tecidos sustentables na produción co fin de reducir os residuos xerados e favorecer a súa reutilización e reciclaxe.

0.15912318229675