Inaugurado en Monforte un mural en homenaxe ás lavandeiras do río Cabe

RibeiraSacraXa
O mural está realizado pola artista Xoana Almar con motivo dos actos organizados dende o Concello polo 8M
8M-monforte
9 Mar 2025

O Concello de Monforte, desde a súa Concellería de Igualdade, e o Centro de Información á Muller (CIM) non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller, polo que na mañá de onte organizaron a Concentración oficial polo “Día internacional da Muller” que se levou a cabo no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes.

O acto arrancou coa lectura do Manifesto, que correu a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López. Tamén estiveron presentes diversos membros do Equipo de Goberno: o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e Tecnoloxía, Guillermo Díaz; así como da Corporación Municipal, as responsables do Centro de Información á Muller, e numerosos veciños e veciñas de Monforte. A continuación, procedeuse á inauguración do Mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar.

“Dende o Equipo de Goberno, con este mural quixemos render unha homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban este traballo tan duro e tan necesario na vida daqueles tempos e, como de costume, era tan pouco valorado”, explicou Margarita López.

Tras a inauguración do mural adicado ás lavandeiras, repartiuse entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado coa imaxe do Mural, en concreto, libretas e bolsas de tela.

Mural que reivindica a figura das Lavandeiras de Monforte

O formato horizontal do muro do Espazo do Cuadrado determinou a composición de Xoana Almar: unha fileira de mulleres nun primeiro plano lavando no río. O estilo ten relación coa pintura de Xosé Vizoso, artista gráfico de Mondoñedo, recentemente falecido, a través da composición formada por figuras sinxelas e expresivas.

Nun dos laterais do mural poderase ler “Lavandeiras” e no  outro “do Río Cabe”, con letras que continúan a paisaxe e que se debuxan recortando a pintura e sen trazar.  Sobre a “ese” de “Lavandeiras” unha lavandeira paxaro observa a estas mulleres.

Respecto da autora do mural, Xoana Almar é unha artista nada en 1983 en Santiago de Compostela. Licenciada en Economía pola USC, licenciada en Antropoloxía Social pola Universidade de Granada e conta cun Ciclo Superior de Ilustración da Escola de Arte de Granada.

No 2013 creou xunto a Raquel Doallo e Miguel Peralta a empresa cooperativa Cestola, onde se adican á pintura, a ilustración e o muralismo, pintando sobre todo murais en festivais, para Administracións Públicas, empresas, asociacións e particulares, contando actualmente con máis de 100 murais realizados. A maioría deles son realizados en cidades, pobos e aldeas galegas, pero tamén traballaron en Madrid, Valencia, Estremadura, Aragón, Asturias, Andalucía e Euskadi, e en países como Portugal, Alemaña e Francia.

⚙ Configurar cookies
0.62412905693054