Inaugurada en Chantada a exposición ‘Palabra e Memoria’
A igrexa nova de Chantada, parroquia de Santa Mariña, acolle ata o 28 de febreiro a exposición "Palabra e Memoria" sobre o uso da lingua galega nos cemiterios. Esta experiencia sobre a normalización da epigrafía funeraria en idioma galego é unha iniciativa cultural do IES Perdouro do Concello de Burela que, dende o 2003, a través da área de innovación deste centro, estuda o uso do galego nas inscricións funerarias. A combinación do traballo de campo e a súa divulgación reflíctense nesta mostra fotográfica con imaxes tomadas pola fotoxornalista Pepa Losada, coa colaboración posterior de María Mon e Aida López.
Palabra e Memoria chegou ás parroquias do termo municipal de Chantada por iniciativa da filóloga local, Tania Vázquez García, docente do Instituto Val do Asma. Ata o de agora, no Concello de Chantada foron estudados 17 cemiterios. No camposanto da parroquia de San Salvador de Asma, Tania Vázquez visualizou as inscricións realizadas por 253 familias e descubriu que 6 delas xa abriron as portas ao idioma galego escrito. Pola súa banda, en San Xurxo o porcentaxe é lixeiramente menor: de 246 familias, 3 empregaron o galego para os textos de recordo aos seus familiares. En Líncora e Camporramiro os resultados son semellantes. O cambio de tendencia cara ao uso do galego produciuse nos últimos anos e débese ao relevo xeracional: as persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática están agora ao coidado do lugar onde repousan definitivamente os seus parentes.
A exposición documenta o uso da lingua galega na epigrafía funeraria e enfatiza a súa recuperación, convidando a expresar de maneira sentida e propia os sentimentos cara aos seres queridos que xa non están.
A mostra, que conta coa colaboración do Concello de Chantada, chega á vila do Asma despois de estar no Museo do Pobo Galego e pode visitarse en horario de martes a domingo, de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.