IGV denuncia que a orde de axudas para a poda en verde na Ribeira Sacra discrimina a agricultura familiar

Interior Galego Vivo alerta da situación que están vivendo as persoas viticulturas da Ribeira Sacra, xa que, denuncian, “despois dunha campaña desastrosa en prezo e recollida para moitas pequenas e medianas produciós, agora observamos como a Xunta discrimina, tanto nas axudas á paisaxe canto na inminente liña de poda en verde, a agricultura familiar e o autoconsumo”.
Advirten de que “coa flavescencia dourada ás portas e cos aranceis e a desglobalización galopante en curso iste modo de actuar torticeiro da Xunta equivale a abandonar á súa sorte a maioría dos produtores e produtoras de uva das DOP Ribeira Sacra e Ribeiro, o que vai redundar en inxentes cantidades de viñedos abandonados que, por súa vez, contribuirán a espallar o fitoplasma da flavescencia”. Ademais, critican que “a Xunta continúe sen un estudo de custes serio e fundamenta a poda en verde en prezos medios obviando que as persoas produtoras levan anos en Ribeira Sacra vendendo a perdas e incumpríndose, xa que logo, a Lei da Cadea Alimentar”.
Sinalan que a orde contempla apenas 600.000 euros na súa totalidade procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) polo que “a Xunta realmente non pon un peso para o sector”. Explican que no artigo 25 “Cálculo da axuda” recóllese unha compensación do 50% da perda de ingresos nas parcelas que fagan a poda en verde sobre un prezo medio de 1,17 €/kg, o que supón, segundo IGV, “dar por boa a venda a perdas que leva anos dándose na Ribeira Sacra e que suporía 0.58 céntimos por quilo en poda en verde, por baixo do que se pagou noutros territorios do Estado onde é moito máis barato producir un quilo de uva”.
Nos próximos días sairá no DOG a Orde do 4 de abril de 2025, pola que se estabelecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña na Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C). O texto regula as bases das axudas, en concorrencia competitiva, para a invertención de colleita en verde no viñedo da Galicia e, na súa redacción actual e previsibelmente definitiva, “está pensada para os grandes grupos adegueiros das DOP Ribeira Sacra e Ribeiro, en canto discrimina fulminantemente os viticultores e as viticultoras”, advirten.
Ademais, denuncian “a total opacidade e improvisación nas actuacións da Consellaría de Medio Rural” en canto aos prazos, xa que explican que a orde conta cun “prazo de solicitude ridículo” que se estenderá só ata o 25 de abril. Así, consideran que a Xunta está a “liquida definitivamente os pequenos produtores da Ribeira Sacra” e defenden “que se recoñeza a singularidade do viñedo tradicional de ribeira, e que este tipo de cultivo estexa protexido e apoiado en maior medida, dada a fraxilidade do momento, cunha elevada media de idade das persoas produtoras e coa crise dos excedentes de viño tinto”, e chaman a unha mobilización do sector para pedir “un compromiso firme dos gobernos locais”.