IGV denuncia os problemas de accesibilidade para autobuses na LU-P-1804, no lugar de Belesar

RibeiraSacraXa
Piden habilitar o antigo solar da escola de Belesar como espazo para que os autobuses poidan realizar o xiro e piden unha intervención urxente na intersección da LU-P-1804 coa LU-P-1819, á altura da ponte
Embalse-belesar
Belesar
12 May 2025

A plataforma Interior Galego Vivo (IGV) volve poñer o foco nos graves problemas de mobilidade e accesibilidade que afectan ao núcleo de Belesar, no Concello do Saviñao, especialmente no que atinxe á circulación e manobra de autobuses turísticos.
Segundo denuncian desde o colectivo, “os autobuses teñen moitos problemas para poder virar no lugar de Belesar”, unha situación que xa provocou incidentes “que mesmo teñen saído na imprensa” e que, de continuar sen solucións, “podería traer consigo lamentar danos materiais e mesmo humanos”.

IGV considera que este escenario é “un sen sentido cando hai un catamarán e unha crecente afluencia turística á zona”, e critica con dureza o que consideran unha falta de planificación institucional. “É máis unha mostra de como a candidatura a Patrimonio da Humanidade é facer a casa polo tellado cando non hai infraestruturas básicas nin planificación dos fluxos turísticos desenvolvida”, aseguran.

A organización lembra que a estrada afectada, LU-P-1804, é titularidade da Deputación de Lugo, e propón unha solución “sinxela e viable”: habilitar o antigo solar da escola de Belesar, actualmente inutilizado tras un incendio, como espazo para que os autobuses poidan realizar o xiro. Para iso, abondaría, din, con “sinalizar e regular debidamente o uso dese espazo”.

Ademais, reclaman intervención urxente na intersección da LU-P-1804 coa LU-P-1819, á altura da ponte de Belesar, unha zona que consideran “mal resolta e perigosa, pois impide as manobras dos vehículos grandes e multiplica o risco de envorcamento pola existencia dun grande desnivel”.

Desde IGV remarcan que “son dúas actuacións pequenas que se poden resolver nun curto período de tempo e non se explicaría non atender estas demandas”. Pero as queixas non rematan aí: a plataforma lembra que o Servizo de Vías e Obras da Deputación ten pendente atender outras peticións formuladas en anteriores escritos. Entre elas, mencionan a reparación de fochancas, mellora do firme das estradas, colocación de varandas e barreiras de seguranza semirríxida axustadas á normativa, ou a adecuación do gálibo en varias vías provinciais. “Reclamamos solucións duradeiras, como a aplicación de aglomerado en quente, e non parches que duran apenas uns meses”, subliñan.

Por último, IGV censura a falta de resposta institucional por parte da Deputación: “Nunca obtivemos contestación oficial da Deputación de Lugo a ningún dos nosos escritos, tendo que recorrer até á Valedora do Pobo para obter resposta noutras ocasións (exp. M.8.Q./4068/23)”. E lembran ao presidente provincial que “representamos e defendemos á nosa veciñanza, que tamén é a súa en tanto que ente local provincial, e que, en consecuencia, deberían ter a mínima deferencia de resposta”.

⚙ Configurar cookies
0.11120700836182