IGV denuncia a precariedade das pensións no rural galego
Nos últimos meses, varios concellos galegos aprobaron mocións para poñer o foco sobre a precariedade das pensións, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense. Estas iniciativas, promovidas por Interior Galego Vivo (IGV), foron aprobadas por unanimidade – con mínimas variantes – nos plenos de Sober (novembro de 2024), Chantada (decembro de 2024), Vilardevós (decembro de 2024) e Laza (xaneiro de 2025). Non obstante, en Monforte de Lemos, a moción foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, mentres que o PP optou pola abstención.
IGV denuncia que as provincias de Lugo e Ourense teñen as pensións máis baixas de todo o Estado, unha situación agravada no caso das pensións de viuvez, que apenas superan os 700 euros mensuais. En 2024, a pensión media en Galicia foi de 1.070,48 euros, un 14,5% inferior á media estatal de 1.250,71 euros. Ademais, case un terzo dos fogares galegos depende exclusivamente de prestacións públicas como fonte de ingresos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Esta situación é especialmente alarmante en zonas rurais, onde o envellecemento da poboación e a emigración da mocidade fan que as pensións teñan un peso económico superior aos salarios.
A precariedade das pensións non afecta unicamente ás persoas maiores, senón que ten consecuencias directas na economía e no benestar das familias galegas, explican. Segundo a Enquisa Estrutural a Fogares do IGE, o 37,69% das rendas familiares na provincia de Lugo e o 43,04% na de Ourense proceden de prestacións públicas. Isto, insisten, significa que mellorar a contía das pensións beneficiaría non só ás persoas receptoras, senón ao conxunto da economía local.
Nun contexto marcado polo encarecemento da alimentación, da enerxía e da vivenda tras a pandemia da COVID-19, a situación das pensións galegas agrávase aínda máis, advirten. Ademais, persisten fendas de xénero e territoriais, sendo especialmente vulnerables as mulleres maiores que traballaron no sector agrario e que, en moitos casos, sofren un maior risco de pobreza. De feito, apuntan, o último informe da Rede Europea contra a Pobreza en España para 2024 sinala que o 48,4% das pensionistas galegas viven por baixo do limiar da pobreza, liderando esta clasificación a nivel estatal.
IGV agradeceu o apoio das e dos representantes políticos que respaldaron estas mocións nos distintos concellos e criticou duramente a actitude dalgúns grandes partidos. En particular, sinalou a "hipocrisía" do PP, que no Congreso votou en contra do Decreto que incluía a suba das pensións sen xustificar os motivos da súa oposición. Tamén cuestionou o comportamento do PSOE de Monforte, que rexeitou a moción a pesar de apoiala noutros municipios, insinuando que o equipo de goberno liderado por José Tomé podería estar máis preocupado por desactivar iniciativas procedentes da oposición que por resolver os problemas reais da cidadanía.
Desde IGV insisten en que as pensións dignas son un dereito conquistado pola clase traballadora e que deben ser protexidas fronte á "cobiza do sector privado". O aumento da idade de xubilación e a promoción dos plans de pensións privados son tendencias preocupantes, propias dun contexto no que, segundo IGV, os intereses das grandes corporacións parecen pesar máis que o benestar da poboación.
As persoas maiores do interior galego, tras unha vida de duro traballo, merecen pensións que lles permitan vivir con dignidade, explican. Por iso, din, estas prestacións non só é unha cuestión de xustiza social, senón tamén un motor de dinamización económica para unhas comarcas que dependen en gran medida das rendas das persoas pensionistas. Interior Galego Vivo chama á "coherencia e ao compromiso dos partidos para priorizar o benestar da maioría social fronte a calquera outro interese".