IGV critica ao Concello de Sober e á Xunta por “promover unha nova universidade privada en Galicia”

A plataforma Agroma Sober – Interior Galego Vivo denuncia que o Concello de Sober e a Xunta de Galicia están servindo aos intereses de promoción dunha nova universidade privada a través do seu apoio ao foro “O Encontro de Sober”, que se celebra estes días no Pazo de Sober. O evento está promovido por CESUGA, un centro universitario adscrito á Universidade San Jorge de Zaragoza, que na actualidade pretende ser recoñecido como universidade privada en Galicia.
Desde a organización critican que “ata catro conselleiros, dous membros do goberno local, un deputado provincial e o presidente da Xunta veñan a Sober só para facer propaganda dunha entidade privada e non para coñecer os problemas da cidadanía”.
Interior Galego Vivo asegura que “non precisamos outra universidade privada no País, igual que defenden os sindicatos do Ensino, senón que precisamos reforzar o sistema universitario público”.
Tamén lamentan que o Concello de Sober “sirva aos intereses propagandísticos dunha entidade privada, apoiada por parte do gran empresariado galego, cando a súa prioridade debería ser velar pola educación pública, esixindo á Xunta, por exemplo, o profesorado e persoal de apoio axeitado ás necesidades educativas do colexio de Sober”.
Así mesmo, denuncian que “o presidente da Xunta, o conselleiro de Emprego, a conselleira de Economía, o conselleiro do Mar e a conselleira do Medio Rural se desprazan a Sober só para asistir a unhas xornadas dunha entidade privada e non para atender as demandas arredor das listas de agarda no Hospital de Monforte, para analizar o futuro da viticultura na Ribeira Sacra ou para resolver as necesidades educativas dos centros do rural”.
Para Interior Galego Vivo, esta situación constitúe unha “propaganda da Xunta e do Concello ao servizo dun proxecto privado que só busca facer negocio coa Educación”, e subliñan que “ata catro conselleiros, dous membros do goberno local, un deputado provincial e o presidente da Xunta aparecen no programa oficial do evento para arroupar a creación dunha nova universidade privada que non precisamos en Galicia”.
Critican tamén que “o Concello de Sober lle dea máxima prioridade informativa a este encontro, presentado como un ‘diálogo rural-industria’, cando en realidade é un desfile de grandes empresas, algunhas delas lesivas para o medio ambiente, como ENCE ou Cobre San Rafael, e que en nada contribúen á prosperidade do interior rural galego”.
Por último, denuncian a falta de representación local real no evento, afirmando que “non hai nese ‘diálogo’ adegas pequenas nin participación – máis que testemuñal – do tecido empresarial soberino ou da comarca”.