Gran éxito na primeira xornada Primeira xornada do Encontro de Mulleres do Sindicato Labrego Galego

RibeiraSacraXa
Ao longo desta fin de semana está a ter lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Espazo Vilaseco, en Chantada.
encontro mulleres sindicato labrego galego chantada2
3 Mar 2024

Ao longo desta fin de semana está a ter lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Espazo Vilaseco, en Chantada. Esta edición marca o 20 aniversario dos encontros anuais da Secretaría, dende o primeiro celebrado en Allariz no ano 2004.

A xuntanza deu comezo este sábado coa benvida da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Seivane, e a concelleira de igualdade de Chantada, Pamela Fernández.

Na primeira mesa de debate, As mulleres da Secretaría, Marisol García, Olga Otero, Uxía García, Pura Seoane, Belén Fervenza e Carme Veiga, afiliadas do SLG de distintas xeracións, analizaron os aportes que a autoorganización das mulleres dentro do Sindicato implicou, tanto para as loitas profesionais, como por exemplo acadar a titularidade compartida das granxas -onde o SLG foi organización pioneira-, como no fortalecemento das mulleres dende unha conciencia feminista.

Tamén cambios fundamentais a nivel interno, como a aprobación da paridade nos órganos de dirección dentro do Sindicato Labrego, foron impulsados polo traballo que se fixo dende a Secretaría das Mulleres. “Cada unha de nós temos un grande poder dentro, vémolo cando estamos xuntas. O SLG é unha organización de base, onde podemos decidir”, “foi o Sindicato o que uniu a moitas mulleres”, "unha soa non damos, pero todas xuntas si" ou “cada unha de nós somos o Sindicato”, foron algunhas das reflexións emanadas desta primeira posta en común arredor do traballo da Secretaría das Mulleres dende a súa creación na década dos 90 do século XX.

Logo dun xantar elaborado con produtos agroecolóxicos e de proximidade, a xornada de tarde abondou na historia da Secretaría, ao tempo que analizou a situación actual do agro dende unha perspectiva de xénero, incluídas as mobilizacións agrarias das últimas semanas.

A mesa redonda Loitas colectivas das mulleres, integrada pola actual Secretaria Xeral Isabel Vilalba; a ex-Secretaria Xeral do SLG (1989-2007) Lídia Senra; Inmaculada Idáñez da Confederación de Asociaciones de Mujeres del Medio Rural (CERES) e Malu Egiluz e Amets Ladislao de Euskal Herriko Nekazarien Elkartasuna (EHNE-Biskaia), presentou un panorama global da situación das mulleres labregas organizadas a nivel de todo o Estado español.

Entre outras cuestións, Lídia Senra (SLG-CCLL) lembrou que foi na década dos 70 do século XX cando as mulleres do SLG “sentimos a necesidade de comezar a falar entre nós”. Senra apuntou que, naquela altura, había mulleres do SLG convocando asembleas, “pero só acudían homes”, polo que idearon convocar reunións específicas de mulleres, baixo a premisa de falar da “saúde das mulleres”, e dende eses espazos empoderar ás labregas para incentivar a súa participación nos espazos mixtos da loita agraria.

Isabel Vilalba (SLG-CCLL) relatou como grazas á organización das mulleres labregas dentro do movemento internacional La Vía Campesina -do que o SLG é unha das organizacións fundadoras e referente no traballo realizado no eido dos feminismos-, o Artigo 4 da Declaración das Nacións Unidas sobre os dereitos labregos e doutras persoas que traballen nas zonas rurais, aprobada no ano 2018, refírese especificamente á non discriminación das mulleres.

Inmaculada Idáñez (CERES) tivo palabras de recoñecemento cara o traballo realizado polo Sindicato Labrego en materia de feminismos como referente para as organizacións agrarias a nivel estatal, ao tempo que enfatizou a necesidade de seguir loitando, xa que os avances conseguidos en materia de igualdade só poden manterse se continúa o traballo neste sentido, sen baixar a garda.

Malu Egiluz (EHNE-Bizkaia) destacou que “sempre estamos mirando ás mulleres do SLG, o seu percorrido como campesinas é histórico”, e animaron a recuperar a vida dos nosos pobos, e seguir loitando para sensibilizar á cidadanía, recuperar a terra e as sementes: “a loita é nosa: das mulleres”.

Na mesma liña, Amets Ladislao (EHNE-Bizkaia) salientou sentirse “como na casa” neste encontro da Secretaría das Mulleres do SLG. Reivindicou que feminismos, agroecoloxía e soberanía alimentaria teñen que ir unidas. “O noso territorio está moi industrializado, buscamos moitas alianzas co movemento feminista urbano, moi forte neste momento en Euskal Herria”, explicou, “a loita pola soberanía alimentaria ten que estar dentro dos feminismos. Hai unha grande loita no xeito no que producimos alimentos. Hai que decidir, ou estamos ca Vida ou estamos cos cartos. As mulleres temos que unirnos a todos os niveis, a nosa loita é a favor da vida.”

Os perigos da infiltración da extrema dereita nas mobilizacións agrarias, ou o discurso co que o Capitalimo está a introducir os alimentos sintéticos creados en laboratorio, foron tamén temáticas abordadas nesta mesa de debate.

Logo deste segundo espazo de posta en común e reflexión tivo lugar a presentación do documental Labregas, espazos de venda (2022), realizado polo SLG para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa na Praza de Abastos de Santiago de Compostela -o segundo lugar máis visitado da capital galega- e da publicación A fala da terra. Labregas (2023), unha compilación de testemuñas de mulleres labregas da provincia de Pontevedra tamén publicada polo SLG.

Seguidamente o cento de mulleres asistentes a este XVIII degustaron unha cata de produtos da Queixería Airas Monis, a cargo de Ana Vázquez.

Como vén sendo habitual nestes encontros, houbo un espazo para intercambiarmos sementes, un xeito de, por unha banda, coidar, preservar e espallar o noso patrimonio alimentario e, por outra, de marcar posición política fronte á concepción mercantilista que as políticas agrarias neoliberais pro agroindustriais impoñen aos pobos, nomeadamente ca privatización de sementes e eliminación da diversidade de cultivos.

Pola noite, logo dunha cea colectiva integrada por alimentos achegados polas mulleres asistentes ao Encontro, bailaron ao ritmo das pandereteiras Bouba.

Asemade, durante este XVIII Encontro están a desfrutar no Espazo Vilaseco dunha exposición fotográfica con 58 retratos de mulleres, coordinada por Espadela Coop Arabías, e da exposición fotográfica do SLG-CCLL Vinte anos da man, sobre os encontros e actividades realizadas pola Secretaría das Mulleres ao longo destas dúas décadas, e tamén un espazo de conciliación para que as mulleres que participen no Encontro podan acudir cas súas fillas e fillos se así o desexan.

0.18522000312805