Galicia lembra ás vítimas de accidentes de tráfico, que aumentaron este ano
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzou hoxe o “redobramento de esforzos en tarefas preventivas, que teñen tamén unha parte sancionadora” ante o aumento que se rexistra este ano nas vítimas de sinistros viarios nas estradas galegas. Así o sinalou no acto de conmemoración do Día Mundial en recordo das vítimas de accidentes de tráfico, que se celebrou no exterior da Delegación do Goberno.
Antes de gardar un minuto de silencio polas vítimas e as persoas feridas, Pedro Blanco cualificou de “cifras inasumibles” os datos recollidos pola Dirección Xeral de Tráfico en Galicia, que apuntan a 82 persoas falecidas en accidentes de tráfico ata este luns. A este respecto, sinalou a responsabilidade e obriga contraída pola Administración con cada unha destas persoas falecidas, coas persoas feridas e coas súas familias, remarcando que, desde o Goberno, “non imos parar nin baixar a garda” ante esta realidade.
Na súa intervención, o delegado realizou un chamamento á responsabilidade e á prudencia da poboación no uso das estradas, indicando que 25 dos falecidos este ano foron debidos a colisións frontais e que o 17% dos condutores falecidos non facían uso do cinto de seguridade. En canto ás persoas usuarias, puxo o foco nos usuarios vulnerables, que representan o 47% das vítimas mortais. Pedro Blanco significou que, dentro deste colectivo, destaca o aumento de falecidos motociclistas, que este ano suman 22 falecidos diante dos 13 do ano pasado.
Pedro Blanco lembrou que “a seguridade nas nosas estradas e rúas é un dos piares que sustenta a seguridade cidadá e podo dicir que é unha das tarefas que este Goberno afronta con máis responsabilidade”, ao tempo que puxo en valor o traballo constante do persoal de Tráfico e da Garda Civil nas estradas da Comunidade.
Día en recordo das vítimas de accidentes de tráfico
O delegado presidiu na Coruña o acto en recordo das vítimas da violencia viaria, que se celebra anualmente en todo o mundo o último domingo de novembro. No acto participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen deu a benvida e cedeu a palabra á xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gomez, e a delegada en Galicia de Stop Accidentes, Jeanne Picard, que leron cadanseu manifesto en conmemoración desta xornada.
Xunto a elas e o delegado do Goberno, tamén participaron o xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco; e o tenente coronel xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia, Antonio Hidalgo.