Galicia contará cunha nova convocatoria dos programas para a rehabilitación enerxética da Xunta

AMariñaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | TerraChaXa
O Instituto Galego da Vivenda e Solo destinou xa máis de 140 millóns de euros a conceder axudas a propietarios particulares, comunidades de veciños e concellos para rehabilitar co fin de mellorar a eficiencia enerxética.
Xunta vivenda reforma Instituto do Solo
8 Maio 2024

O Instituto Galego da Vivenda e Solo destinou xa máis de 140 millóns de euros a conceder axudas a propietarios particulares, comunidades de veciños e concellos para rehabilitar co fin de mellorar a eficiencia enerxética.

A Xunta leva anos promovendo e apostando pola rehabilitación de inmobles destinados a usos residenciais, tanto a través de actuacións directas destinadas a reforzar o actual parque público de vivendas, como da concesión de axudas económicas a particulares, comunidades veciñais e promotores.

A tal fin, impulsou a primeira Lei de rehabilitación, de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en abril do ano 2019, co reto de situar á Comunidade á vangarda do país nesta materia, dándolle un pulo importante ás políticas de rehabilitación e apostando de forma decidida pola recuperación do patrimonio xa construído.

No eido da rehabilitación residencial, Galicia foi unha das comunidades que mellor aproveitou a oportunidade que supuxeron os fondos europeos do programa NextGenerationUE destinados á vivenda.

A través de diferentes programas e liñas de incentivos convocados desde 2022, o Instituto Galego da Vivenda e Solo destinou xa máis de 140 millóns de euros a conceder axudas a propietarios particulares, comunidades de veciños e concellos para rehabilitar co fin de mellorar a eficiencia enerxética de máis de 24.000 vivendas no conxunto de Galicia.

Ante o éxito destas axudas, que se resolveron ademais nos dous últimos anos cunha elevada porcentaxe de execución, a Xunta ten previsto publicar en 2024 unha nova convocatoria dos programas para rehabilitación enerxética a nivel de edificio, a nivel de vivenda e para a redacción de proxectos e do libro do edificio, cun orzamento inicial de 37 millóns de euros.

PROGRAMAS DE REHABILITACIÓN

O PROGRAMA REXURBE

Neste contexto, a Xunta puxo en marcha o chamado programa Rexurbe, concibido para a compra de inmobles abandonados e solares baleiros localizados en centros históricos co fin de rehabilitalos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro a prezos accesibles.

Ademais, e en desenvolvemento dunha das figuras introducidas pola Lei de rehabilitación, a Xunta xa declarou un total de sete Áreas Rexurbe no conxunto de Galicia coa finalidade de facilitar a recuperación de conxuntos históricos declarados Bens de Interese Cultural (BIC) a través da aposta por combinar e concentrar os recursos para que cheguen alí onde máis se necesitan, posibilitando á vez a combinación de diferentes instrumentos de financiamento público-privado.

Son, en concreto, as de Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia, aprobadas no ano 2020; a de Tui, en 2021; as de Ribadeo e Ferrol, aprobadas un ano despois; e a máis recente de todas, a de Betanzos, declarada oficialmente en 2023.

0.19190001487732