Froxán, no Courel, volveu pisar a castaña como se facía no século pasado
A aldea de Froxán demostrou un ano máis o gran poder de convocatoria que ten a súa Festa da Pisa da Castaña, organizada pola asociación Fonte do Milagro, que chega a súa 24 edición.
Lucía Blanco
Este venres a aldea de Froxán, no Concello de Folgoso de Courel, retrocedeu máis de medio século de vida para trasladarnos aos tempos nos que a castaña era a que sustentaba a alimentación da veciñanza de todo o municipio. A asociación Fonte do Milagre foi quen de revivir unha práctica centenaria a través da Festa da Pisa da Castaña, que volveu a mesturar un ano máis tradición, cultura e gastronomía.
A demostración do pisado e do abandoxado da castaña seca protagonizaron unha vez máis a xuntanza, que comezou co tradicional acendido do sequeiro pola mañá. Pero o espazo estreou unha nova cara nesta edición, pois un conxunto de veciños, que contaron coa colaboración do Concello, animáronse a restaurar o sequeiro onde dende fai 24 anos se recrea o método de secado e conservación do froito. O Sequeiro do Campo, que pertence a unha familia da localidade, é o único do Concello no que segue a utilizarse o procedemento tradicional para secar as castañas, aínda que se trata dun tipo de construción cunha gran relevancia no patrimonio arquitectónico da zona.
Pisado e abandoxado
Ao pé deste sequeiro tivo lugar o pisado, proceso que se mantivo ata mediados do século pasado e que se fai tras secar con calor morna e durante uns 20 días a castaña. “Despois para romper esa casca, métese nun saco de lona e entre dúas persoas bátese contra un cepo de madeira. Ao golpear a castaña vai quedando o froito seco limpo”, conta Evaristo Méndez, presidente do colectivo.
Logo toca separar a casca rota, chamada puxa, do que é o froito grazas ao bandoxo. “O que se facía é meter as castañas coa casca dentro deste aparello, que ten forma de media lúa, onde unha persoa vai batendo e vai aproveitando que polo peso a castaña vaia cara atrás e o que é a casca vai caendo cara diante ao chan”.
Pero este xeito de limpeza non só resulta curioso para todos os que participan cada edición na Festa da Pisa, senón que tamén levanta expectación fóra das nosas fronteiras. “Este ano no último día do Simposio Internacional do Castiñeiro, que tivo lugar en Lugo, os asistentes dos 16 países visitaron o Courel e dende a organización pedíronnos facer unha demostración do pisado e a xente, aínda que estaba moi relacionada co mundo da castaña, quedou impresionada porque non coñecía esta técnica”, recorda Evaristo.
Menú tradicional
Durante a xornada en Froxán, a camisa de flanela a cadros e un pano na cabeza atado a catro esquinas completaban a vestimenta escollida por aqueles que quixeron vivir a o festexo gastronómico co auténtico uniforme dos pisadores. Rosa Cedrón foi a responsable de dar o pregón na celebración, que acolleu dúas novas presentacións literarias, e que se volveu a converter nunha gran reunión de amigos. “Todo saíu moi ben. Froxán estivo toda a xornada ateigado de xente”, di Méndez.
Entre os asistentes había veciños e tamén visitantes doutros puntos de Galicia, o que demostra o poder de convocatoria que ten a xuntanza. “É unha cita que dá a coñecer o territorio e crea riqueza, que ten centos de visitantes, onde se recrea un oficio que durante moitos anos era o traballo máis importante porque gardábanse as castañas secas para sustento de todo o ano”, explica Lola Castro, alcaldesa de Folgoso. Entre os cargos políticos, tamén se atopaban José Luis Maceda, alcalde da Pobra do Brollón; Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Rosana Prieto, responsable do BNG no sur de Lugo; a deputada autonómica Carme Aira e os deputados do PP, Francisco Conde e Raquel Arias.
Pero ter que buscar a materia prima fóra, xa que debido ao gran incendio do 2022 aínda falta para que a aldea recupere o seu souto, non impediu que os asistentes gozaran de 80 quilos do produto que lle dá nome á celebración. O menú tiña como prato principal a castaña seca cocida con chourizo e touciño e tarta de castaña como sobremesa, ademais de polbo e churrasco para os que non chegaron a tempo.
Dende o Concello agradecen a implicación da asociación Fonte do Milagro e de Juan de Vilar que tampouco faltou ao festexo, que unha vez máis trouxo ao presente as xornadas durante os meses de frío nas que os sequeiros de Froxán seguían activos. Encontro que, xunto coa propia Festa da Castaña, fai que este froito se converta “no referente do Courel e a súa vez sexa unha cita obrigada para que nos visiten cada outono”, destaca a alcaldesa.