Por ser unha cidade accesible

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
10 sep 2021

Por Fernanda Arrojo

Cando acadei á maioría de idade, o que máis desexaba era marchar de Lugo.  Parecíame unha cidade gris, triste e escura.

Na actualidade, todo o contrario, véxoa coma unha cidade agradable e acolledora. Por iso, empezo unha serie de artigos, breves e sen máis pretensións que expoñer o meu punto de vista,  recomendándoa para vivir e visitar por varias razóns.

Hoxe toca a accesibilidade.

Á hora de avaliar a situación actual de Lugo en termos de accesibilidade, pódese dicir que é unha cidade, en xeral, accesible.  Hai algunhas zonas máis ca outras, pero podes ir dun extremo ao outro nunha cadeira motorizada.

Os puntos fortes da accesibilidade son: nas vías urbanas, as beirarrúas teñen rebaixes non superiores a dous centímetros ou a ras de chan; diversas zonas peonís; semáforos audibles e con criptogramas; edificios da Administración pública, na súa maioría, accesibles e os locais comerciais ou de hostelería de nova licencia tamén o son;  e moitas prazas de aparcamento reservadas en lugares de uso público frecuente.

E os débiles?  Algúns edificios privados manteñen barreiras arquitectónicas: hai algunha comunidade de propietarios con pouca concienciación e, tamén, algúns negocios comerciais ou hostaleiros que non se reformaron e que escapan da lexislación actual ao ter unha licenza antiga.

Outro punto forte da cidade é ter un gabinete de accesibilidade municipal que controla o cumprimento da ordenanza municipal de accesibilidade, de acordo coa lei autonómica e estatal.

Tamén nesta cidade pódense realizar actividades de lecer e culturais xa que, en xeral, son accesibles, grazas ás accións reinvidicativas de entidades no campo da discapacidade, e quero destacar o papel de Auxilia.

En moitas actividades organizadas polo Concello, a Deputación ... teñen en conta a accesibilidade, como por exemplo, nos concertos feitos al aire libre dispoñen unha plataforma para mellorar a visibilidade das persoas con discapacidade.

E, finalmente, o patrimonio cultural da cidade adaptouse na medida do posible, por exemplo: os museos, tanto o Provincial coma os demáis; a entrada principal da Catedral;  a Muralla romana, na que se pode camiñar polo seu adarve, grazas ao ascensor, preto dos xardíns da Deputación.

0.16326498985291