Éxito na XXI Mostra de Aceite de Quiroga
Quiroga acolleu no día de onte a súa Mostra do Aceite. A mostra máis atípica destes 21 anos que leva celebrándose. As condicións e normas sanitarias non impediron a súa celebración pero si marcaron o seu desenvolvemento. Altas temperaturas e máis visitantes do que nun principio se prevía debido á situación epidemiolóxica, fixeron que os olivicultores se amosaran máis que satisfeitos coas vendas acadadas.
O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, tamén se amosou contento polo desenvolvemento desta mostra, a "máis etnográfica, tradicional e cultural que permitiu disfrutar dun produto único e singular como é o aceite de Quiroga, de maneira excepcional".
A Directora Xeral de Desenvolvemento Rural e de AGADER, Inés Santé Rivera, que acudía por primeira vez a esta mostra, afirmou que o aceite de Quiroga "encaixa perfectamente na liña estratéxica da Consellería de Medio Rural de poñer en valor a calidade dos nosos produtos". Destacou non só a "calidade do aceite á que contribúe o uso das variedades autónomas Mansa e Brava, senón a súa contribución a un uso sostible do noso territorio e dos recursos naturais".
Os asistentes a esta Festa de Interese Turístico puideron, un ano máis, desfrutar da posta en funcionamento do muíño de aceite tradicional, adquirir o aceite de oliva virxe extra que se produce en Quiroga e outros produtos típicos e mesmo comer no recinto feiral, pero todo supeditado a unhas normas de control de persoas en todo o recinto feiral.
Para facilitar que os asistentes puideran ver a elaboración do aceite tradicional, ademais de verse en vivo no muíño – nesta ocasión coa limitación de aforo que obrigou a que as visitas fosen máis curtas para permitir a entrada de todos os que agardaban-, na Capela das Farrapas (ao carón do muíño) proxectouse un vídeo elaborado especialmente sobre este proceso. A intención desta proxección era que todos os asistentes puidesen ver o proceso de elaboración completo.
O recinto feiral estivo aberto dende as once e media da mañá ata as dúas do mediodía. Aínda que o acceso era libre, para poder acceder ao recinto da mostra e ao muíño podíase concertar cita previa, o que daba preferencia de entrada, posto que o aforo máximo no recinto feiral estaba acoutado a 200 persoas.
Aceite de Quiroga
A produción do aceite de Quiroga concéntrase sobre todo no val de Quiroga, aínda que tamén se estende por certos sectores dos vales que discorren paralelos ao río Quiroga ata que desemboca no Sil. O produto destaca pola intensidade do seu sabor a oliva -especialmente cando aumenta a proporción de variedades locais- e polos aromas que van dende a herba acabada de cortar ou a mazá -no caso das variedades autóctonas- ás améndoas e outros froitos secos e maduros, a medida que aumentan as variedades secundarias. En canto á cor, sitúase no rango dos amarelos que tiran cara ao verde ao comezo da campaña e cara ao amarelo dourado co paso do tempo.
Desta vez, o evento volveu ter lugar ao carón dun muíño de aceite tradicional, no que se ofreceron demostracións de moenda durante toda a xornada. Cabe sinalar que a comezos do século a produción de aceite de Quiroga estaba cifrada nos 9.000 litros pero co paso dos anos aumentou tanto o número de plantacións como de litros producidos.