Estrella Páez, da Asociación Mulleres Rurais da Pobra do Brollón: "O obxectivo era crear un espazo coas mulleres como protagonistas"
Estrella Páez preside a Asociación Mulleres Rurais Miraflores, que dende hai case dúas décadas promove actividades culturais na Pobra do Brollón mantendo o protagonismo feminino
Lucía Blanco
Cada 15 de outubro conmemórase o Día Internacional das Mulleres Rurais, aínda que non é preciso unha data concreta para recordar que sen o papel feminino o rural non ten futuro. Con esta reivindicación e co obxectivo de fundar un espazo coas mulleres como protagonistas no que compartir gustos, problemáticas e inquedanzas mantense a Asociación Mulleres Rurais Miraflores da Pobra do Brollón, que preside Estrella Páez dende hai máis dunha década.
Cando se fundou a asociación?
A asociación foi legalmente constituída no 2005, aínda que xa levaba máis dunha década funcionando. A súa fundadora foi Raquel Puente Vila, apoiada por un grupo de mulleres moi activas na vida social do Concello. Eu presido a asociación desde o ano 2009 e foi por casualidade. A directiva nese momento non podía continuar no cargo por motivos persoais e un grupo de amigas animáronme a presentarse.
Con que obxectivo botou a andar Miraflores?
O obxectivo principal era crear un espazo onde as mulleres foran as protagonistas, onde compartir afeccións, vivencias, aportar ideas e axudar cos problemas da vida cotiá.
De onde vén o nome?
Miraflores, segundo indica algún relato mítico, era unha cidade que estaba asentada no lugar dos Medos que ante a invasión das formigas volveu a ubicarse entre os ríos, no que hoxe é a capitalidade da Pobra do Brollón.
Cantas mulleres a forman?
Aínda que a asociación chegou a ter máis de 100 socias, hoxe en día contamos cunhas 25 persoas de entre 20 e 90 anos.
Cal é o requisito para poder formar parte?
Tras a crise sanitaria e tamén por motivos económicos, decidiuse eliminar varios dos requisitos como eran as cotas obrigatorias de socias e decidimos incluír tamén a aquelas persoas que, non sendo mulleres, queren participar do que facemos e representamos.
Que tipo de actividades levan a cabo?
Organizamos cursos de manualidades, de restauración de mobles, de arte floral, de ximnasia ou taichí, por exemplo. Ademais facemos viaxes culturais, proxeccións de películas, talleres de memoria e risoterapia.
En cales se centran agora mesmo?
Despois de ter que paralizar todas as actividades pola crise sanitaria, o que máis nos demandan agora son viaxes de tipo cultural dentro de Galicia e na zona norte e centro de Portugal. Outras actividades como pode ser a ximnasia, foron asumidas dende o Concello da Pobra do Brollón, servíndonos de apoio e complemento.
Como de necesarias cre que son este tipo de asociacións nun concello como A Pobra?
Creo que este tipo de asociacións, fo mesmo xeito que outras de veciños, de montes ou de tipo cultural son moi necesarias nun concello rural para fomentar a integración social e fortalecer a convivencia.
Que cambios notaron na asociación dende que se fundou ata a actualidade?
Tanto a nosa actividade como o número de persoas pertencentes á asociación minguaron notablemente nos últimos anos, debido principalmente a unha maior poboación envellecida, a que a xente moza non dispón de recursos no rural, ao incremento dos prezos que repercuten na economía familiar e á crise sanitaria que limitou as nosas actividades.
Como é a situación das mulleres rurais no Concello?
Penso que no noso Concello as mulleres dispoñen de ferramentas, tanto por parte das asociacións como da Administración, para cubrir parte das súas necesidades, aínda que moitas por unha cultura inculcada seguen nunha posición desfavorecida.
Cales son as principais necesidades das mulleres na Pobra?
Accesos a servicios básicos, como as necesidades organizativas, de conciliación familiar ou o acceso a un emprego.
Con que dificultades se atopan a día de hoxe?
Principalmente a falta de servizos como pode ser a falta de transporte público ou a falta de formación e tamén a falta de información sobre axudas, subvencións, etc.
Existe no rural máis desigualdade para as mulleres?
Nalgúns aspectos e dependendo da idade da muller, en tarefas domésticas, coidados a persoas maiores familiares e emprendemento laboral, seguramente si.
En que se debe avanzar para acadar a igualdade entre homes e mulleres no rural?
Principalmente na educación en materia de igualdade, nunha boa formación para mellorar aspectos da vida diaria económicos e sociais e, a nivel laboral, igualando dereitos e obrigas entre ambos sexos.
Cada vez máis mozas e mozos apostan polo rural como medio de vida e saída laboral. Porén, os índices de envellecemento seguen a ser preocupantes. Como ven esta situación?
A Pobra do Brollón é, por desgraza, un exemplo de pirámide poboacional invertida, morren máis dos que nacen. A falta de investimento para emprender e a escaseza de empresas son factores decisivos para desmotivar a xente nova, aínda que no sector agrario ou forestal ou apícola si se poden ver algúns exemplos de emprendemento mozo.