Este domingo celébrase o XXVII Filandón de Músicas do Caurel en Seoane do Courel
O XXVII Filandón de Músicas do Caurel, que terá lugar este domingo, 4 de agosto, a partir das 19.00 horas na plaza da Ferrería Locay, en Seoane do Caurel; foi presentado na casa do Concello de Folgoso.
A presente edición dedícase á memoria de Sindy Carrera e Domingo Neira de Xestoso de Oencia, ámbolos dous participantes no Filandón dende anos atrás. Por outra parte, o Filandón quere ter un recordo especial para don Xesús Mato, fundador de Fuxan os Ventos, polo que se contará cunha actuación do grupo A Quenlla. Ademais, estará Carmen Penín, que recreará o Himno do Caurel, A Pastora do Caurel.
Como en cada edición, o Filandón distinguirá a persoas que contribúen activamente co desenvolvemento do Caurel, polo que lle será entregada a Tésera de Hospitalidade a Martín Alemparte Vidal, xerente do GDR Ribeira Sacra Caurel e recibirán a medalla do Filandón Mero e Miro Casabella, a xornalista Brenda González, así como Xosé Canosa, presidente de Airiños da Nosa Galicia de Sta. Coloma de Gramanet.
Como é tradicional, o evento iníciase ca Chamada ao Filandón, dos cornos Celtas, da man de Xan de Vilar, Manuel de Outeiro e Pepe de Soldón. Os actos estarán presididos por Angelita Aira Crespo raíña do Filandón. O trío de Violins Tatiana Kostomarova, interpretarán o Alalá do Caurel na memoria dos Amigos do Filandón falecidos e o pregón irá a cargo de Ricardo Locay Aira, poeta e escritor do Caurel.
Nesta edición non faltará a Orquesta Río Leira de Villamartín de Valdeorras, baixo a dirección de Bautista Álvarez e entre as cantoras que participarán están Jacinta Fernández Alonso de Lentellais do Bolo, Digna de Vilanova de Trives, Paula Pintos da Coruña e Fiuca de Trives.
Ademais, o romancista e compositor Rogelio da Aceveda, así como o grupo O Recanto de Quiroga, contribuirán de forma extraordinaria a unha velada para o recordo.
No vindeiro ano 2025 as Letras Galegas serán adicadas á Muller Cantareira, aspecto no que Filandón é paradigma de aprecio e recuperación da tradición de cantoras e cantores de Galicia. "Por medio do Filandón desexamos honrar aquelas persoas que nos transmitiron o saber dos séculos, recordalas e tributarlles esta homenaxe. Como cantareiras destacadas do Caurel hai que facer referencia a Elvira Touzón Quiroga, quén aportou centos de cantigas para os cancioneiros de Músicas do Caurel, do mesmo xeito que o fixo Ilda Álvarez Macía de Ferreirós ou María Balboa Santín de Quintela de Oencia. Todas elas teñen os seus respectivos monumentos nas localidades que as viron nacer e morrer", conclúen desde o Concello de Folgoso do Courel.