Esperta Monforte pide crear unha Unidade de Atención Temperá e soterrar o cableado nas rúas da cidade

RibeiraSacraXa
Instan ao Concello de Monforte a solicitar á Xunta a creación dunha Aula de Atención Temperá de carácter público no Hospital Comarcal
Germán-Vázquez-Esperta-Monforte
Germán Vázquez, Esperta Monforte
16 Jul 2025

Esperta Monforte vén de presentar dúas mocións para debatir no vindeiro Pleno do Concello de Monforte de Lemos, centradas na mellora dos servizos sociais e do urbanismo na cidade.

A primeira moción propón solicitar á Xunta de Galicia a creación dunha Unidade de Atención Temperá no Hospital Comarcal de Monforte. Esperta Monforte lembra que o Estatuto de Autonomía de Galicia, a Lei 4/1993 e o Decreto 183/2013 recollen as competencias nesta materia e regulan a Rede Galega de Atención Temperá. Ademais, a orde publicada no DOGA do 27 de xuño de 2024 establece as bases para subvencionar estes servizos, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

A formación subliña que Monforte de Lemos, con 18.560 habitantes, podería optar a unha subvención de ata 121.800 euros por tres anualidades, o que suporía un total de 294.000 euros para prestar este servizo en 24 meses. Por iso, consideran “un despropósito” deixar pasar estes fondos, tendo en conta, destacan, a importancia de detectar de forma temperá posibles necesidades especiais en nenos e nenas. Recalcan que Monforte “é o único concello da comarca que carece deste servizo”, sendo “o centro neurálxico da comarca”.

Por iso, instarán ao Concello de Monforte a solicitar á Xunta a creación dunha Aula de Atención Temperá de carácter público no Hospital Comarcal e a realizar as xestións necesarias para acollerse ás subvencións publicadas.

Por outra banda, Esperta Monforte propón elaborar un plan técnico para o soterramento progresivo do cableado e a retirada dos paos de luz, co obxectivo de mellorar a estética urbana, a accesibilidade e a seguridade nas rúas. A formación sinala que en rúas como Cardenal ou Armando Cotarelo xa se fixeron actuacións neste sentido, polo que aposta por seguir esta liña priorizando zonas con alta afluencia peonil ou nas que se realicen obras de renovación.

Ademais, a moción solicita establecer contactos coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e as empresas responsables do subministro para estudar vías de financiamento compartido e a viabilidade técnica das actuacións. Propoñen, ademáis, solicitar informes técnicos para avaliar custos aproximados e coordinar estas obras coas de canalización de auga, gas ou fibra óptica.

⚙ Configurar cookies
0.17106485366821