Esperta Monforte esixe que se repitan todas as mamografías realizadas no Hospital de Monforte dende o mes de decembro

RibeiraSacraXa
Denuncian que a pesar de estar o mamógrafo avariado “continuáronse realizando mamografías dentro do Programa de Detección Precoz de Cancro de Mama da Xunta de Galicia”
hospital-monforte
Hospital de Monforte
14 Feb 2025

O grupo municipal Esperta Monforte denuncia a “grave situación” que afectou ao servizo de mamografías do Hospital de Monforte desde decembro, cando o mamógrafo comezou a
funcionar de forma defectuosa.

Durante este tempo, denuncian, as pacientes que necesitaban mamografías por indicación médica, especialmente aquelas derivadas por oncoloxía para o tratamento e seguimento de tumores, foron trasladadas a Lugo debido a que a calidade das imaxes obtidas en Monforte era inadecuada para un diagnóstico fiable.

Porén, sinalan, “o máis alarmante é que, malia esta avaría, continuáronse realizando mamografías nese mesmo mamógrafo dentro do Programa de Detección Precoz de Cancro de Mama da Xunta de Galicia, a pesar de que o equipo non garantía imaxes de calidade suficientes para unha correcta avaliación”.

Ante esta situación, Esperta Monforte esixe “que a Consellería de Sanidade tome medidas urxentes para identificar a todas as mulleres que se someteron a mamografías desde o inicio da avaría e que se lles ofreza a posibilidade de repetir a proba en condicións óptimas”, e “que se garanta a estas pacientes unha revisión prioritaria, dado que calquera erro no diagnóstico podería ter consecuencias graves para a súa saúde”.

Ademais, reclaman a reparación inmediata do mamógrafo do Hospital de Monforte ou a adquisición dun novo, así como restablecer de inmediato o servizo de mamografías no hospital de Monforte, ao fin de evitar que as pacientes teñan que desprazarse a Lugo.

"É inaceptable que, sabendo que o mamógrafo estaba avariado, se continuase a utilizalo para o cribado do cancro de mama. As mulleres da nosa comarca merecen seguridade e garantías na súa atención sanitaria. Por iso, esiximos que se lles localice e se lles dea a oportunidade de repetir as probas", sinalou o voceiro de Esperta Monforte.

Ante esta situación, que xerou unha grande preocupación entre a cidadanía, Esperta Monforte insta a Consellería de Sanidade a actuar con transparencia e responsabilidade.

0.17765712738037