Entrevista: "Un bo profesor ten que empatizar e motivar ao alumno”

RibeiraSacraXa
Falamos con José Pinto, profesor do IES A Pinguela de Monforte, que vén de ser recoñecido como o terceiro mellor docente de FP de España
José Pino profesor IES A Pinguela Monforte
28 Feb 2021

José Pino Vázquez é profesor de Informática no IES A Pinguela de Monforte. Naceu en Igualada a comezos dos anos 80, pero aos oito anos chegou á Ribeira Sacra e fíxoo para quedar. Desde o ano 2007 imparte clase no ciclo medio de Sistemas Microinformáticos e Redes no instituto monfortino. E non é un profesor máis: é o terceiro mellor docente de Formación Profesional en España.

Os seus alumnos presentaron o seu nome ao congreso Mundo Educa, algo así como os 'Goyas' da Educación, e de aí veu todo rodado. O recente recoñecemento avala o seu peculiar e rompedor sistema de educación, que trascende a miúdo dos muros do centro educativo e que gusta a alumnos, compañeiros e familias.

Falamos con José Pinto deste recoñecemento, que onte mesmo 'recibía' nunha cerimonia virtual.

 Que se sente ao ser recoñecido como o terceiro mellor profesor de FP de España?

Moitísima ledicia xa que é un recoñecemento totalmente inesperado para min. É certo que realizo actividades innovadoras na aula, tento motivar aos alumnos con mil e un proxectos, pero sinceramente síntome un máis de tantos profesores que gozamos ensinando e que tentamos que o noso alumnado comparta esas gañas de aprender.

E como o recibiron os seus alumnos ao saber que é un dos mellores docentes do país?

Felicitáronme todos e estou seguro de que sentiron o recoñecemento como seu. De todas formas, intento tocar este tema o menos posible nas clases. Non me gusta moito falar de premios ou logros persoais, son máis de logros colectivos. De feito, considero que este recoñecemento non só valora a un profesor senón a un estilo de docencia e, sen dúbida, ese estilo sería imposible sen a implicación do alumnado, do profesorado e das familias.

As propostas aos premios de Mundo Educa fainas precisamente o alumnado. Como se enterou de que o seu nome fora proposto para os galardóns?

Entereime no verán, estando de vacacións, e a verdade é que non fixen moito caso. Coñecía o certame pero nunca pensei chegar a ser finalista. Enviei os méritos e a documentación que se me pediu naquel momento, por respeto a quenes me propuxeron, pero non me imaxinaba o resultado final. Tamén é certo que non me considero mellor que ninguén por quedar terceiro. Para a resolución final pasamos un baremo obxectivo, pero resulta difícil medir quen é mellor ou peor profesor. O que está claro é que se os alumnos cos que estiveches a traballar durante dous anos te consideran bo profesional, ese é realmente o premio.

Co seu alumnado realiza proxectos innovadores, como foi o de elaborar a súa propia máquina de Arcade (un proxecto que ademais gañou o certame Microempresas Lugo 2019/2020)?

Levo desde o ano 2006 dando clases, e desde entón intento realizar proxectos innovadores que poidan motivar ao alumnado. En moitos proxectos non é que faga eu as cousas, senón que lanzo a idea na aula e axudo a levala adiante, pero en realidade os resultados son obra dos alumnos. Un exemplo disto é un vídeo de denuncia sobre as letras machistas que hai nas cancións que escoita a nosa rapazada. Hai veces que simplemente lles fago pensar, encántame entrar de cheo na polémica para ver que opinan eles. O 8 de marzo do ano pasado, coincidindo co Día internacional da Muller Traballadora, púxenlles un exame onde detallaba as diferentes puntuacións que tería cada apartado, variando se era un alumno ou unha alumna. En realidade, esa distinción era falsa, pero xerou moito debate na aula e iso é o importante: que o alumno pense, comente e dialogue.

Neste último curso fixemos varios proxectos, un deles foi o de 'crear' unha empresa dedicada a montar, personalizar e vender máquinas Arcade, que foi unha ledicia para todos, e que ademais se culminou con ese premio. Xusto ese proxecto finalizámolo a fatídica semana do 12 de marzo de 2020.

Precisamente no comezo da pandemia, vostede colaborou elaborando pantallas protectoras. Como xurdiu a idea?

O ano pasado estivemos cun obradoiro de deseño e impresión 3D no instituto, o que nos permitiu comprar moito filamento para o taller. Xusto estabamos a deseñar e imprimir pezas cando nos confinaron, así que decidimos transformalo nun proxecto solidario e, sen dúbida, é do que máis orgulloso me sinto desde que estou na docencia.

Mediante a canle que tiña cos rapaces por Telegram propuxémonos botar unha man no pouco que podíamos facer. Eles tentaban atopar modelos a imprimir e conectarse aos grupos que estaban xurdindo no movemento de impresión de viseras, e eu encargábame da impresora. Leveina para o meu garaxe e puxémonos mans á obra. As primeiras unidades doneinas a unha veciña que traballaba nunha farmacia, para que me dixera se eran realmente útiles ou eran demasiado aparatosas. Acabou encantada, e, pese a non estar homologadas, decidimos donalas publicitándoas no  facebook do instituto. En menos dunha hora, as peticións por parte de distintos colectivos de Galicia sobrepasáronnos e por iso decidimos priorizar as doazóns a persoal sanitario, de residencias de maiores e de forzas de seguridade. E ao poder ser, da zona próxima. Mais tarde o Concello de Monforte púxose en contacto comigo e ofreceume a impresora do Concello para poder imprimir máis,  polo que puxemos as dúas a funcionar á par, xerando máis de 20 viseras ao día. Fixemos 768 viseras impresas en pouco máis dun mes. A principios de maio paramos porque xa chegaban as proteccións oficiais e parecía que aquela primeira ola da pandemia estaba a diminuír.

Son tempos complicados, marcados por esta pandemia, obriga isto ao profesorado a agudizar o enxeño?

En moitas profesións houbo que reinventarse e a docencia está claro que foi unha delas. En setembro igual empezamos con máis medo e máis encorsetados, agora parece que imos un pouco máis libres, pero está claro que gran parte da docencia como se coñecía, non existe. A mín gústame que os alumnos se ergan das cadeiras, que se movan pola clase, que colaboren, que pregunten e que axuden aos compañeiros. Todo iso agora, polo tema das distancias, non é posible. Tamén resulta complicado proxectar a voz en toda a aula, posto que a máscara obriga a elevar máis o volume e ademáis cansa moito máis falar con ela posta. Pero como hai que ver o vaso medio cheo, unha das cousas que aprendemos nestes meses é a apreciar o sorriso nos ollos.

Cal cre que é a clave para ser un bo profesor?

Creo que é unha mestura de varias cousas. A relación co alumnado é, dende logo, esencial, sen que se perda nunca un respeto. Ademais teñen que sentirse partícipes, sentir que eles son importantes, porque realmente é así. O profesor non deixa de ser un director de orquestra que marca as pautas, pero sen os músicos, sen a implicación do alumnado, non facemos nada. De feito, gústame que sexan eles os verdadeiros protagonistas dos éxitos que conseguimos na aula. Hai veces que simplemente con darlles a noraboa consegues que ao día seguinte traballen e se esforcen para superar o día anterior. E se as súas actividades saen dos muros do centro e os recoñecementos lles chegan desde fóra, xa resulta espectacular.

Eu intento empatizar cos meus alumnos e pensar en todo momento como me gustaría que me deran a min as clases. É importante non caer na monotonía e tentar que cada día, cada sesión, sexa distinta á anterior. Polo tanto, se tivera que resumir a clave do bo profesor en catro palabras, diría: empatía, participación, recoñecemento e motivación.

Sempre quixo ser profesor?

Creo que se lles preguntamos a moitos nenos ou nenas pequenos o que queren ser de maiores, as respostas máis recorridas serían futbolista, bailaríns ou mestres. Na miña época non había youtubers (ri). Eu o que tiña claro e que me encantaba ferrexar con milleiros de cousas, e a verdade é que desde sempre encántame tamén transmitir o pouco que podo saber. Non sei xusto o momento no que atopei a vocación, pero si que me lembro que desde sempre, aínda que non me gusta ser o centro de atención dunha conversa, disfruto cando alguén agarda algo de min, que me quere escoitar e que eu teño que explicarlle algo.

0.18074989318848