Entrevista: "O cancelo a cultura é segura, é totalmente verídico"
Miguel Franqueiro é o director da banda de música de Sober, profesor de varias escolas de música e tuba freelance en orquestras profesionais.
A pandemia da covid19 afectou a moitos sectores de forma importante. Neste caso, falamos con Miguel Franqueiro un músico profesional que nos conta como se vive e como se viviu no mundo da música.
Xusto antes da pandemia mudouse ao rural, como é a vida na Ulloa para un músico profesional?
Son unha persoa que me criei no rural pero que, por circunstancias laborales e motivos de estudos, tiven que mudarme a diferentes cidades. Aínda así, sempre tiven claro que en canto puidera volvería ao rural, algo que sucedeu xusto antes da pandemia cando a miña parella e máis eu compramos unha casa. A vida é moi diferente, no campo hai moita máis liberdade para todo e, sendo músico, non teño que preocuparme por molestar aos veciños cando ensaio.
En plena pandemia, a finais do 2020, fixo o seu debut coa Scala de Milán, como foi esa experiencia?
A experiencia foi moi boa, enriquecedora e curiosa porque eran unhas circunstancias socialmente novas para todo o mundo. Sí que se fixo un pouco complicado e estraño polas medidas de seguridade; todo eran novidades e foi cando empezamos o período de adaptación, sen embargo é unha experiencia da que se sacan moitas cousas positivas.
E en relación a este ano, estase retomando a actividade nas orquestras?
As orquestras retomaron a súa actividade con relativa normalidade. Ao fin e ao cabo, as normativas adaptáronas aos novos tempos, usando un repertorio con menos plantilla, algo que o fai máis clásico e non tan sinfónico. Depende tamén de cada xerente e de cada orquestra pero pódese dicir que a súa actividade non parou practicamente nada. O que sí que se notou foi a cantidade de xente, que fixo que a carga de traballo se reducira considerablemente.
Puidéronse realizar concertos? Había público?
Concertos houbo en casi todo momento, menos cando só quedou a actividade esencial. De feito, fun facer concertos por España, algún deles por streaming, como o concerto do día de Pamplona que non contou con público... foi unha sensación rara. Sen embargo, a maioría dos concertos soen facerse con aforo reducido que, dependendo das semanas ou da comunidade, é dun 30% ou dun 50%. É certo que as veces nin sequera se chega a cumprir o aforo porque a xente aínda é un pouco remisa a meterse dentro de lugares pechados para asistir aos concertos.
Considera que a xente é bastante remisa a ir a concertos; opina que son lugares seguros?
Se cumpre coas normas, non debería haber ningún tipo de problema porque a xente garda a distancia de seguridade. Os músicos, por regra xeral, mantemos a máscara posta en todo momento menos cando tocamos, aínda que sí que é certo que, coma en calquera profesión, hai persoas máis ou menos meticulosas á hora de ter coidado. A min non me consta que houbera brotes en ningunha orquestra sinfónica agás cando fun a Scala de Milán onde sí houbo contaxios, pero foi algo puntual. Sí que creo que, durante a actividade cultural, non debería haber ningún problema e que o cancelo a cultura é segura (#aculturaésegura) é totalmente verídico.
E como director da Banda de Música de Sober e profesor en diversas escolas de música, supuxo un esforzo adaptarse ás novas normas?
É incomodo porque as medidas e as restriccións van cambiando e non é o mesmo facer un ensaio con seis personas a facelo con catro. Había días que o tempo era moi xusto para programar o ensaio xa que o repertorio non se axusta ao que tiñas pensado. O que intentas facer é estar o mellor informado posible para facer ben as cousas e que non existan problemas e, se os hai, que non sexan responsabilidade túa. Pero bueno, o importante é que os rapaces sigan aprendendo, que as agrupacións non desaparezan e poñer da nosa parte a mellor vontade posible.
Hai pouco saíron en pasarrúas por Sober, cal foi a resposta da xente?
A resposta foi moi positiva porque á xente venlle ben un punto de ánimo; eran momentos delicados e ver á banda pola vila foi unha agradable sorpresa. Ademais, fomos a residencia de maiores porque, ao fin e ao cabo, foron uns dos grandes prexudicados.
Como se mantén vivo o espírito da música nunha banda popular?
Nestes tempos onde a mocidade ten moita oferta de actividades é complicado promover o ensino musical. Ó final, o que se busca é unha maneira de achegarlle á xuventude de núcleos rurais esa posibilidade de aprender música que, no caso de non ter banda musical, non terían. Hai que facer un gran esforzo e depéndese máis das institucións do que se quere pero, na maioría das veces, é a única forma de subsistir. É fundamental que se apoie máis a cultura porque senón non se pode conseguir unha escola de música cun profesorado en condicións dignas.
Que aprendizaxe tira desta etapa?
A min o que me sorprende é a capacidade de adaptación que ten o ser humano porque a pesar das circunstancias extraordinarias que estamos vivindo, conseguímonos adaptar e buscamos a maneira de tirar cara adiante. A aprendizaxe que saco disto é que temos unha capacidade adaptativa moi superior ao que estamos acostumados.