Entrevista. "En Monforte hai unha boa canteira de ximnasia rítmica"
Preto de 70 nenas do sur da provincia fórmanse no club Quicela nunha das modalidades máis esixentes do eido deportivo: a ximnasia rítmica. A actual situación sanitaria obrigounas a parar un tempo pero agora están a retomar os adestramentos e as competicións con máis gañas que nunca. Boa mostra, a súa recente participación nun torneo internacional online no que as ximnastas obtiveron cinco medallas.
Falamos coa directora deportiva do Quicela, Yesica Quiroga, da traxectoria e dos obxectivos do club.
Como entras en contacto coa ximnasia rítmica?
Comecei a practicar esta modalidade deportiva aos 10 anos, nun club de Sarria, a miña localidade natal. Eu antes xogaba ao fútbol sala, pero non era moi boa (ri). Sempre fun moi expresiva e pasaba o día a cantar e bailar, e cando a miña nai oíu falar do Club Sarria de ximnasia rítmica decidiu apuntarme, e iso xa era outra cousa. Creo que no primeiro momento en que pisei un tapiz souben que estaría enganchada a este deporte de por vida.
Que aporta esta modalidade deportiva?
Creo que é unha disciplina que favorece o mantemento da forma física en xeral, xa que esixe un adestramento contínuo, no que se deben poñer a punto todas as articulacións e partes do corpo para facer o exercicio máis preciso. En canto ao puramente físico, a ximnasia rítmica permite mellorar o equilibrio, a coordinación e a lateralidade. É un deporte idóneo para evitar e/ou corrixir malas posturas e problemas como pode ser a escoliose ou os pés planos. Aumenta a concentración e axuda a ampliar os vínculos sociais, a confianza e o respeto polos compañeiros e a madurar emocionalmente, xa que implica disciplina, seriedade e compromiso co equipo. Tamén permite desenrolar outros sentidos como o oído musical e o ritmo, ademais da orientación espacial, a velocidade de reacción e a memoria a curto e longo prazo, así como a expresión de emocións a través do exercicio. Como ves, é un deporte moi completo.
Que características se requiren para a práctica da ximnasia rítmica?
Eu penso que o principal é ter gañas, ilusión e disfrutar do que fas. Unha ximnasta debe ser disciplinada, organizada, ser respectuosa, ter unha boa capacidade de traballo e autocrítica, e ser ambiciosa, no bo sentido da palabra. En canto á parte física, a flexibilidade, ritmo, coordinación, axilidade, etc son importantes pero iso todo pode conseguirse adestrando, o primordial creo que é todo o demais.
Cantas ximnastas ten o Club Quicela?
Este ano por mor da pandemia o número de ximnastas viuse mermado considerablemente. Actualmente contamos con 69 licenzas, de entre os 3 e os 16 anos. Temos tamén un grupo de adultas pero agora mesmo non está a adestrar porque nos resultaba imposible coordinar os adestramentos das nenas cos seus, pois ao ter que traballar en grupos tan reducidos precisamos moitas máis horas e non temos tanta dispoñibilidade de pavillón. Pero en canto poidamos retomaremos os adestramentos deste grupo de idades, comprendidas entre os 30 e os 50 anos.
Cantas horas adestran?
Depende do nivel de competición e da idade. As ximnastas baby (entre 3 e 5 anos) adestran unha hora por semana. As escolares, unha media de 3 horas por semana, e as de promoción unhas 6 horas por semana.
Cal é a procedencia das ximnastas?
Practicamente son todas de Monforte, aínda que tamén temos algunha de Bóveda, Sober, Escairón, Quiroga, Rubián….
Cales son os obxectivos do club?
Actualmente os obxectivos que nos podemos plantexar son a moi curto prazo, pois nin a propia Federación de ximnasia sabe se se poderán levar a cabo as competicións programadas. Por iso, este ano o que nos preocupa é poder manter a actividade, manter ás ximnastas motivadas e participar en tantas competicións como se nos permita. Xa botamos de menos ese gusanillo, ese nerviosismo e incertidume que che ofrece a competición, aínda que sexa online. Creo que calquera deportista ao final adestra para poder amosar o seu traballo, dun xeito ou doutro, esa é unha motivación extra para as nosas ximnastas. Pero agora mesmo non nos plantexamos obxectivos de resultados, que o fagan o mellor que poidan e sobre todo que disfruten facéndoo.
Como lles está a afectar a pandemia?
A pandemia foi un duro golpe para o club, supoño que para todos. Baixou considerablemente o número de ximnastas, tivemos que prescindir de algunha adestradora, facer Ertes coas que quedaban…Foi moi duro, a verdade.
E como se organizaron para adestrar durante o confinamento?
No confinamento de marzo do ano pasado, aínda que moitos clubs decidiron seguir adestrando online, nós decidimos que iso podería chegar a ser contraproducente para o noso traballo, xa que este é un deporte onde o feedback, tocar, sentir, corrixir coas propias mans e a axuda da adestradora é moi importante, e a través dunha cámara iso é imposible. Poderían estar repetindo o mesmo exercicio unha e outra vez mal, e nós nin velas, entón decidimos non facelo. Iso sí, en canto nos permitiron voltar ao pavillón, creo que fomos das primeiras en retomar a actividade presencial,no mes de xuño, aínda que tivemos que parar outra vez ata finais de agosto. En setembro xa case todas as nosas ximnastas voltaron aos adestramentos presenciais e desde aí só paramos en febreiro. Ao ter licenza autonómica ou nacional e un calendario de competicións fixado pola federación tivemos sempre permitidos os adestramentos.
Estanse a retomar as competicións, supoño que iso é un estímulo para as nenas…
Por suposto, as nenas están desexando amosar os seus exercicios, aínda que sexa online.
Empezaron ademais por todo o alto, con 5 medallas no torneo internacional que organizou o Marusia de Ourense…
Si, o certo é que foi unha grata sorpresa, nin nos podíamos imaxinar que obteriamos tan bos resultados nun torneo deste calibre. Estamos a traballar duro pero a competencia tamén era dura. As nenas están felices e nós tamén, e iso danos forza para seguir traballando na liña na que o estamos a facer. Imos participar en varios torneos online e nalgún presencial, así como nos provinciais e agardemos que galegos organizados pola federación. Ogallá teñamos bos resultados pero senón tampouco pasa nada. Creo que este ano non se pode buscar a excelencia deportiva, despois de todas as pedras que fomos atopando polo camiño.
Cal é o segredo do éxito?
Creo que ningún, simplemente temos un ambiente de traballo incrible. No pavillón sempre hai bo rollo, tanto nenas como adestradoras entramos e saímos felices e tal vez iso se nota, é moi fácil traballar así, somos como unha gran familia, todas as pezas da máquina están perfectamente engranadas e todo o mundo implicado no bo funcionamento desta.
Ten futuro a ximnasia rítmica en Monforte?
Por suposto que si, hai moitas nenas que se están iniciando neste deporte desde idades moi temperás. Quen sabe se de aí sae algunha campioa de España.
En que están a traballar agora?
Temos prevista a organización do XII Torneo Val de Lemos, que tivemos que cancelar o ano pasado, e a Federación galega de ximnasia propúxonos facer aquí o campionato provincial de ximnasia rítmica. Iso sería unha sorte. Ademáis, se fora posible, este ano pretendemos recuperar os tradicionais campus de verán e de nadal. O obxectivo destas actividades é, ademáis de ofrecer o aspecto técnico ás ximnastas tanto do club como alleas a este, a convivencia con outras ximnastas e o aspecto lúdico, que ao final é o que máis lles gusta ás nenas. Sempre que organizamos estas actividades tiveron moi boa acollida, chegando a cubrirse case a totalidade das prazas.
Que valoración faría do papel da ximnasia rítmica no deporte galego?
Cada vez a rítmica galega ten máis peso no ámbito nacional. Fai pouco estivemos nun campionato de España no que varios clubs galegos se fixeron con postos no podio, algo practicamente impensable fai uns anos. Iso quere dicir que en Galicia se están a facer as cousas ben, pois o nivel cada vez é máis alto. Ademais agora xa non é un deporte exclusivamente feminino, pois a federación española aceptou este ano a participación de conxuntos mixtos por primeira vez nun nacional, isto é un gran paso na rítmica porque cada vez hai máis rapaces que practican esta disciplina.