Entregados os premios ao turismo e gastronomía da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
José Tomé Roca entregou este martes os terceiros premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo
270922 Gala de Turismo entrega premios
28 sep 2022

Foron distinguidas a Ruta da Faba de Lourenzá, a Fundación Xosé Soto de Fión e a Asociación Veciños de Vilachá de Salvadur na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, e a Feira do Butelo da Fonsagrada, o Consello Regulador da DO San Simón da Costa e a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense.

O presidente da Deputación de Lugo e Presidente do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, presidiu este martes, no Día Mundial do Turismo, o acto de entrega dos terceiros premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu á Ruta da Faba de Lourenzá; á Fundación Xosé Soto de Fión e á Asociación Veciños de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, e na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Feira do Butelo da Fonsagrada, o Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa e a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro. Pola súa banda, Cabanas das Chousas, en Lugo, foi a empresa recoñecida polo seu traballo co galardón Turismo Sostible.

O acto, celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, contou coa presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e da vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, ademais da vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro Tallón, de deputados e deputadas provinciais, da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e dos membros do Consello de Turismo, o órgano que convocou e que fallou os galardóns.

Alberte Cabarcos foi o presentador da gala, na que actuou Abraham Cupeiro interpretando varias pezas musicais. O acto foi retransmitido por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo.

As entidades premiadas recibiron un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, que acreditan este recoñecemento realizado dende o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.

Unha aposta polo equilibrio territorial

O Presidente da Deputación de Lugo abriu o acto felicitando ás persoas entidades que resultaron premiadas nesta terceira edición dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia. Expresou que “son un exemplo excelente de que avanzamos no bo camiño, mostra das nosas fortalezas, da capacidade para innovar e para competir, e que apostan polo equilibrio territorial e polo desenvolvemento do noso rural”.

Incidiu neste sentido en que todos os proxectos “están vinculados directamente co rural da provincia, froito da iniciativa de emprendedores, de institucións ou do esforzo colectivo de veciños e veciñas. Son, desta forma, unha mostra da cantidade de ideas que se atopan no noso rural, do talento e da gran capacidade que temos para poñer en marcha iniciativas de éxito no mercado”.

José Tomé lembrou que estes galardóns foron creados antes da pandemia, no seo do Consello Provincial de Turismo que preside e que impulsa a Deputación de Lugo, “pero que puxemos en marcha en plena crise sanitaria da Covid, con bos resultados nas dúas primeiras edicións porque contribuíron a darlle visibilidade e a impulsar a nosa oferta turística e gastronómica nun momento especialmente complexo”, explicou. Sen embargo, engadiu, esta terceira gala é especial xa que, por fin, podemos celebrala con normalidade, sen restricións”.

Así mesmo, expuxo que a iniciativa xa se consolida, incorporando importantes novidades como a convocatoria do Premio Turismo Sostible, unha categoría “que creamos en exclusiva para este ano, como parte dos actos da Copa España Creativa - Fórum Lugo 2022, un evento do que a Deputación é anfitrioa porque o ano pasado fomos os gañadores cun proxecto para a recuperación e a posta en valor de soutos nos Ancares”.

Manifestou José Tomé Roca que con estes premios “contribuímos a dar recoñecemento, visibilidade e promoción á oferta turística e gastronómica da provincia de Lugo. Unha proxección coa que buscamos atraer visitantes, fomentar a actividade do turismo e da hostalería, e crear así riqueza e emprego, pero coa que tamén queremos incentivar a modernización do sector, que se xeren propostas innovadoras, e adaptadas aos novos tempos”.

Avanzou que a Deputación de Lugo seguirá impulsando estes recoñecementos á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia “para apoiar todo o talento e a capacidade que temos. Farémolo como parte da estratexia de traballo máis ampla, integral, que temos en marcha, con moi diversas medidas, para potenciar o sector turístico como un dos motores económicos da provincia, a través dun modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias, cunha oferta atractiva durante todo o ano, que coida o noso patrimonio e que deixa un alto valor no territorio, en termos de economía e de emprego, polo tanto, que axuda a fixar poboación no noso rural”.

Os premiados

Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, distinguíronse tres proxectos turísticos e entidades da provincia en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade na provincia. Son as seguintes:

- A Ruta da Faba de Lourenzá, impulsada pola Cooperativa Terras da Mariña S. Coop. Galega, o Forno de Tovar, o Pazo de Tovar e Lourenzá Turismo, loita pola posta en valor do traballo para dar a coñecer a Faba de Lourenzá, un produto con Indicación Xeográfica Protexida. Esta ruta involucra ao visitante en todas as fases deste alimento e dá a coñecer dende a parte máis primaria do cultivo ata a súa degustación final.

- A Fundación Xosé Soto de Fión resulta premiada polo seu proxecto de protección e divulgación do patrimonio, tanto material como inmaterial, no que levan traballando dúas décadas. A través dunha exposición no Ecomuseo Pazo de Arxeriz, pódese coñecer o patrimonio do sur da provincia, así como a comarca dos Ancares e a posta en valor do Castelo de Doiras. Trátase dunha entidade que enfoca o seu traballo tanto para turistas como para investigadores que queren coñecer a provincia de Lugo.

- A Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, da Pobra do Brollón, resultou distinguida pola posta en valor do patrimonio material e inmaterial a través das actividades realizadas. Entre as propostas impulsadas por esta entidade están a creación dun roteiro circular polos elementos patrimoniais máis importantes e a participación da veciñanza na posta en valor dun castro e da paisaxe natural. Trátase dun proxecto que ten como fin a recuperación de bens do patrimonio cultural e natural e a acción de embelecemento da paisaxe e do medio.

Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foron galardoados outros tres proxectos:

- A Festa da Merluza do Pincho de Celeiro, en Viveiro, pon en valor a merluza do pincho pescada de xeito artesanal polos barcos locais. Con este evento exáltanse e degústanse ata oito pratos elaborados con este produto de calidade e con materiais 100% ecolóxicos. Os veciños traballan para que esta cita saia adiante ano tras ano e que as persoas que se acheguen poidan coñecer o seu referente gastronómico e a súa calidade.

- O Concello da Fonsagrada resulta premiado pola Feira do Butelo, unha cita de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos da Montaña no que se fomentan a actividade empresarial de produtores e restaurantes locais. Dende 2018 é Festas de Interese Turístico de Galicia e, nesta edición, celebrou a súa 25º edición.

Polo que respecta á categoría de Turismo Sostible, o proxecto das Cabanas das Chousas foi recoñecido pola súa loita para o coidado e protección do medio ambiente co uso de caldeiras de biomasa, o bo mantemento do espazo para a prevención dos incendios forestais ou a instalación de contedores de reciclaxe. As Cabanas están situadas a varios metros do chan, nun bosque autóctono e están totalmente mimetizadas e integradas co entorno.

0.10168409347534