En Interior Galego Vivo están "satisfeitas" por conseguir aprobar as mocións para a preservación da viticultura tradicional
Os plenos dos Concellos de Monforte, Chantada e Sober aproban as mocións para a preservación da viticultura tradicional de ribeira a proposta de Interior Galego Vivo.
"Estamos moi satisfeitas porque conseguimos trasladar o debate sobre a supervivencia da nosa viticultura aos municipios da zona, que precisan implicarse na aposta pola calidade e o mantemento da viticultura tradicional de ribeira, e porque acadamos consensos que son positivos para o conxunto da economía das ribeiras de Sil, Cabe e Miño".
Desde o movemento, defenden que "a nosa principal aposta é que se recoñeza a singularidade do viñedo tradicional de ribeira, e que este tipo de cultivo estea protexido e apoiado en maior medida, dada a fraxilidade do momento, cunha elevada media de idade das persoas produtoras e coa crise dos excedentes de viño tinto".
Así, achegan ideas inmediatas, propostas e debates para abordar o futuro da Denominación de Orixe, a súa sostibilidade e a capacidade de xerar emprego e manter a poboación: "Porque sen paisaxe de ribeira cultivada de viñedo e, sobre todo, sen as xentes que a constrúen, non hai Patrimonio da Humanidade, só un parque temático con algún enclave turístico". Así, din, "para evitar o abandono de terras e o despoboamento da zona, precisamos facer sostibles as actividades económicas, como a viticultura2.
En Interior Galego Vivo sosteñen que continuarán defendendo propostas para a mellora da vida da xente das comarcas ribeiras do Sil e do Miño dende o diálogo e a achega de ideas, "facendo da política o que debe ser: un exercicio de debate e propostas, traballando para aqueles que nos elixiron".
Así, conclúen que "tanto Espera Monforte, coma Por Chantada e Agroma Sober estamos satisfeitas co resultado do debate e agardamos que a Xunta, que ten os fondos e as competencias, se implique na defensa da nosa viticultora ribeirá exixindo igualmente que a nova PAC se adapte á nosa realidade".